Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A praia de Altar acolle unha xornada informativa sobre recollida selectiva

O areal de Altar, no concello de Barreiros (Lugo), acolle unha xornada informativa sobre o sistema de recollida selectiva en praias, posto en marcha este verán -por terceiro ano consecutivo- pola Consellería de Medio Ambiente. Esta xornada de sensibilización pretende promover o coidado dos areeiros e reforzar o coñecemento dos medios dispoñibles nas praias, ademais de explicar aos usuarios (nenos e adultos) as pautas de selección e o destino dos residuos recollidos de xeito selectivo.

A xornada informativa consiste na instalación na praia dun punto de información -a partir das 13h. aproximadamente- no que se chama a atención dos usuarios sobre o novo servizo público. Así mesmo, téntase concienciar aos cidadáns da importancia de separar o lixo para reciclar, as vantaxes ambientais que supón e a maneira axeitada de facelo. Estas actuacións van acompañadas de carteis explicativos, emisión de cuñas radiofónicas e actividades lúdicas nos areeiros. Inclúese ademais unha enquisa sobre a aceptación do proxecto entre a poboación.

Como novidade este ano, vanse realizar xogos e talleres cos nenos e nenas para transmitirlles, de xeito lúdico, en que consiste a recollida selectiva de residuos e tentarase ademais espertar o seu interese polo coidado do contorno.

PRAIAS

Neste terceiro ano da campaña de recollida selectiva en praias participan un total de 72 areais galegos, 14 máis que o ano pasado. En concreto, na provincia de Lugo a iniciativa achégase a 16 praias, distribuídas en 8 concellos. Ademais de Altar, en Barreiros tamén dispoñen deste servizo as praias de Valea-Fontela, San Miguel Reinante e As Pasadas.

Os outros areeiros que participan neste programa son: A Marosa (Burela); Cubelas e O Torno (Cervo); A Rapadoira, Llas e Areoura (Foz); Xilloi e Abrela (O Vicedo); As Catedrais e Os Castros (Ribadeo); Area (Viveiro); e por último, Esteiro (Xove).

DISPOSITIVO

A campaña de recollida selectiva consiste na instalación en cadansúa praia de parellas de colectores de 120 litros de capacidade para a recollida de envases lixeiros (amarelos) e de restos de residuos (verdes), xunto con carteis informativos que indican a disposición deste servizo no areal correspondente. Nos colectores amarelos deberán depositarse, por exemplo, envoltorios de plástico, latas de bebidas e conservas, tapas, chapas metálicas ou envases tipo brick.

Á parte dos medios materiais dispostos en cada areeiro, irase realizando alternativamente a campaña informativa a pé de praia, tal e como se desenvolverá en Altar.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia