Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta extermina o lobo en plena época de cría

Exemplo disto é o lobo abatido o domingo 8 de maio de 2005 no TECOR de Muras, na Parroquia do Burgo, provincia de Lugo, durante unha batida autorizada, atendendo a uns danos puntuais que non poden servir de xustificación para vulnerar a Lei de Caza de Galicia que dí “...con carácter xeral prohíbese o exercicio da caza en época de celo, reproducción ou crianza...”
Guerrilleir@s das Fragas-FEG, solicitou a través dun escrito a declaración do lobo como especie protexida, a compensación económica para os afectados por esta especie e o aumento de servizos de vixilancia antifurtivismo.
O feito de que se poidan ver lobos, onde hai décadas non se notaba a súa presenza non é en absoluto unha proba do aumento do número destes animais, senón síntoma da degradación dos seus territorios habituais (parques eólicos, repoboacións forestais, roturacións..) e unha clara mostra das dificultades que atopan para sobrevivir. Nos últimos anos houbo dous feitos que afectaron relevantemente á alimentación do lobo: a clausura dos vertedoiros incontrolados e a prohibición do abandono do gando morto no monte dende a crise das vacas tolas.
Non esquezamos que o lobo de ningún xeito é unha ameaza para o home, do que o afasta o temor ancestral que senten de nós os animais salvaxes. Non se coñece nos últimos 25 anos nin un só ataque comprobado a seres humanos. ¿Cantos cans neste período de tempo mataron ou roeron a persoas?. ¿Cantos cabalos ou bestas deron couces? ¿Cantas abellas, avésporas ou mosquitos picaron e chegaron a matar? ¿Cantos humanos asasinaron a outros humanos?
Guerrilleir@s das Fragas-Federación Ecoloxista Galega