Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Constituída a Fundación encargada de por en marcha a exposición permanente da construción naval

O titular do Executivo autonómico, Manuel Fraga, presidiu en Ferrol, a reunión do padroado para a constitución da Fundación para o Fomento da Construción Naval e das Actividades Marítimas-Exponav, que será a encargada de poñer en marcha a exposición permanente da construción naval, a primeira destas características que existe en España. Así mesmo, durante a xuntanza procedeuse ao nomeamento dos cargos directivos que xestionarán a fundación nos vindeiros anos e procedeuse á aprobación do orzamento para o presente exercicio.

Segundo asegurou o xerente da Fundación para o Fomento da Construción Naval, José Castro Luaces, a exposición permanente da construción naval estará aberta nun prazo de seis ou sete meses, a finais de ano. Neste momento estase procedendo á rehabilitación do edificio no que se vai instalar a exposición, grazas a un convenio asinado no seu día entre a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e o Ministerio de Defensa. Ademais, José Castro Luaces indicou que en próximas datas se procederá á sinatura de diversos convenios que permitan garantir o mantemento da exposición, que terá un custo de entre 600.000 e 700.000 euros.

CARGOS DIRECTIVOS

Na reunión tamén se procedeu ao nomeamento dos cargos directivos da Fundación para o Fomento da Construción Naval, elixindo como presidente ao xefe do Estado Maior da Armada, Sebastián Zaragoza. Durante a xuntanza, tamén se procedeu ao nomeamento dos demais cargos directivos que xestionarán a institución nos vindeiros anos e abordáronse os proxectos que se van levar a cabo proximamente, como a Exposición Permanente da Construción Naval, Exponav.

PARTICIPANTES NA REUNIÓN

Na reunión do Padroado da Fundación para o Fomento da Construción Naval e das Actividades Marítimas-Exponav participaron, ademais do presidente da Xunta e do almirante xefe do Estado Maior da Armada, Sebastián Zaragoza, o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, Juan Rodríguez Yuste; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o alcalde de Ferrol, Juan Juncal; o primeiro tenente de alcalde, Juan Fernández; o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Francisco Cañete; o vicerreitor do campus universitario, Luís Barral; o presidente da Autoridade Portuaria, Ángel del Real; o presidente da Cámara de Comercio, Francisco Cruz; o máximo responsable da Asociación de Enxeñeiros Navais, José Esteban Pérez García; o director de División Naval de Innovamar, Alfonso González Ferrari; o xerente da Fundación para o Fomento da Construción Naval, José Castro Luaces; o asesor xurídico, Ricardo Miguel Pérez Lama; e o secretario interino, Alberto Pérez Sanmartín.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia