Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta financia con 179.000 € a construcción de centros sociais en catro concellos da provincia da Coruña

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiará con 179.000 euros á construcción de catro centros sociais nos concellos coruñeses de Tordoia, Sobrado dos Monxes, San Sadurniño e Moeche. Así se recolle nos convenios de colaboración asinados en Santiago entre a titular en funcións do departamento autonómico, Belén Prado, e os alcaldes dos municipios beneficiarios.

A consellería destinará 36.000 euros a subvencionar a construcción dun centro social en Bardaos, no municipio coruñés de Tordoia. O custo total desta obra elévase aos 55.964 euros, dos que 19.964 serán achegados polo concello.

En Sobrado dos Monxes, a Xunta achegará 42.000 euros para a construcción dun centro de servizos sociais en Pousada. Este concello colaborará nesta actuación con 28.786 euros.

No concello de Moeche, concretamente no lugar de Abad, construirase un centro social financiado con 102.594 euros, dos que a consellería achegará 76.000. A partida restante será asumida pola Administración local.

En San Sadurniño, emmprenderase a segunda fase de construcción dun centro socio-cultural, así coma o seu equipamento. A instalación, ubicada en Chao, suporá un desembolso global de 108.611 euros. A consellería comprometeu unha subvención de 25.000 euros, mentres que os 83.611 restantes correrán a cargo do concello.

PLAN CONCERTADO

O financiamento autonómico dos centros realízase a través do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, que artella a cooperación económica e técnica entre a Xunta e os municipios nesta materia. Deste xeito, garántese unha rede pública de apoio social á que poden acceder dun xeito fácil e efectivo a través das corporacións locais todas as persoas, familias e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situacións de necesidade.

Os principais obxectivos do plan son garantir uns servizos sociais básicos a toda a poboación, construír unha rede pública de equipamentos sociais e cooperar cos distintos municipios para que poidan afrontar as súas competencias na xestión dos servizos sociais.

No presente exercicio, o Plan Concertado conta cun orzamento total de 18.698.324€. A achega da Xunta incrementouse nun 42% nesta lexislatura, beneficiando a máis de 400.000 usuarios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia