Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga salienta que o PP segue sendo a primeira forza política en Galicia

Neste sentido, Manuel Fraga subliñou que no conxunto de Galicia o PP avantaxa ao PSdeG-PSOE en 194.862 votos e en 396.953 ao BNG, dado que este partido conseguiu 307.249 votos e o PSdeG 509.340 votos, fronte aos 704.202 votos do PP. O titular do Goberno galego indicou que, aínda á espera dos resultados do escrutinio do voto emigrante, “non parece que haxa grandes motivos de insatisfacción”.

O xefe do Executivo galego indicou que, ademais de no conxunto de Galicia, o Partido Popular de Galicia segue sendo a forza máis votada nas catro provincias galegas. “Na Coruña, onde eu encabecei a candidatura –indicou Manuel Fraga– o PP sacou 266.753 votos e o PSdeG-PSOE 203.977. En Pontevedra, onde encabezaba a candidatura o señor Touriño, o PP sacou 223.588 votos e o PSdeG 168.549”. Pola súa banda, o BNG obtivo 134.636 votos na Coruña e 102.645 en Pontevedra. Manuel Fraga subliñou tamén que o Partido Popular foi o partido máis votado en 274 concellos, mentres que o PSdeG só foi a primeira forza política en 37 e o BNG en 4, e amosou un mapa cos resultados por concellos (adxuntamos mapa).

De todos modos, Manuel Fraga indicou que quedan por resolver os resultados dos votos da emigración, que “é un tema capital”. Así mesmo, sinalou que sente “vergonza” das críticas que se están a verter en relación cos sufraxios dos galegos da diáspora. “Avergónzome dos que escoito falar sobre o voto emigrante de modo denigrante, cando é evidente que un dos orgullos de Galicia, eu o sinto especialmente como parte que fun desa comunidade dos emigrantes”, concluiu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia