Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga lembra que foi o primeiro en chamar a atención sobre a crise demográfica, unha proposta que entón foi obxecto de comentarios pintorescos

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, subliñou que o crecemento vexetativo de Galicia está a mellorar, como o demostra o feito de que a natalidade rexistrou un repunte do 5,6%, “o mesmo promedio que España”, ao tempo que lembrou ter sido o primeiro en alertar sobre o risco dunha crise demográfica.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Manuel Fraga destacou que “os datos melloran” e sinalou que o crecemento vexetativo en 2003 arroxaba un saldo negativo de de 9.292 habitantes fronte aos 7.792 actuais.

Manuel Fraga engadiu que en Galicia se rexistraron 1.243 defuncións menos en 2004 respecto a 2003 (29.727 en 2003 e 28.484 en 2004). Houbo, en cambio, 257 nacementos máis (20.435 en 2003 fronte a 20.692 en 2004).

En opinión do titular da Xunta, para entender os datos do conxunto do Estado, hai que ter en conta que que o repunte vexetativo se debe, en boa parte, ás mulleres inmigrantes, especialmente ás de orixe marrroquino ou ecuatoriano, dous colectivos que contan cunha escasa presenza en Galicia en comparación con outras áreas do Estado, como Almería ou Murcia.

“En termos relativos, Galicia mellora o seu crecemento vexetativo”, apuntou o presidente da Xunta, para engadir que a diferencia entre nacementos e defuncións pasa de –3.44 a –2.88, situándose por diante de Asturias e moi preto de Castela e León.

Os datos manexados pola Xunta indican que o número medio de fillos por muller pasa de 0,95 en 2002 e 0,993 en 2003, a 1,003 no ano 2004. Do mesmo xeito, o saldo migratorio é positivo, con 10.796 persoas máis en 2003, dato que equilibra o saldo demográfico. De acordo con estes datos, Pontevedra rexistra un crecemento vexetativo positivo; o número de nacementos supera en 366 ao de defuncións.

“ESTAMOS MELLORANDO”

Manuel Fraga aproveitou as súas declaracións para lembrar que el foi o primeiro en alertar sobre o risco de crise demográfica en Galicia, advertencia que deu lugar a “unha gran gargallada” e a “comentarios moi pintorescos” por parte dos mesmos que “agora critican”, aínda que nunca fixeron nada por axudar a resolver esta cuestión. “Teño a impresión –engadiu Manuel Fraga- que estamos mellorando e melloraremos máis”.

En opinión do presidente da Xunta, resulta fundamental “facer compatible, o máis que sexa posible, a maternidade co traballo”. Por iso, apuntou, “estamos aumentando o número de gardarías, hai unha ou dúas (novas) cada semana; e estamos aumentando o número de xeriátricos, con varios en marcha”.

DEFENSA DA FAMILIA

Paralelamente, e aínda que “algúns consideran que iso tamén é unha antigualla”, Manuel Fraga reivindicou a defensa de “unha familia sólida, non necesariamente tradicional, porque a tradición vai admitindo adicións”.

O presidente da Xunta criticou reforma da Lei do Divorcio, aprobada onte no Senado coa abstención do PP, por permitir, aos seis meses, a calquera dos cónxuxes, sen necesidade de separación previa, nin de acordo previo de mutuo consenso, dar por rematado o matrimonio. “Paréceme que (esa medida) non pode fomentar a natalidade”, argumentou o titular do Executivo autonómico. Así as cousas, na súa opinión “van ser mulleres estranxeiras ou inmigrantes as que vaian aumentar a nosa poboación”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia