Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Asuntos Sociais financia con 536.659€ un novo obradoiro en Boqueixón, no que participarán 30 alumnos

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en funcións, Belén Prado, clausurou o Obradoiro Camiño de Santiago-Boqueixón, que se desenvolveu durante o último ano nesta localidade coruñesa. Ademais, Boqueixón acollerá este ano un novo obradoiro de emprego subvencionado polo departamento autonómico con 536.659 euros.

No Obradoiro Camiño de Santiago-Boqueixón se formaron 25 alumnos, máis do 60% mulleres, nas especialidades de cantería, carpintería e xardinería. Con esta iniciativa, que recibiu unha achega de 436.708 euros, realizouse o acondicionamento da área de ocio en Gastrar, das igrexas parroquiais de Sucira Oural, así como da ermida de San Bieito e da Capela de Castro.

Na súa intervención, Belén Prado destacou que estes programas integran a formación, experiencia e a información en técnicas de busca de emprego e autoemprego coa finalidade de favorecer as posibilidades de inserción laboral dos participantes. Ademais, segundo a conselleira, as escolas e obradoiros de emprego do Camiño de Santiago colaboran no mantemento e a conservación dos tramos das diferentes rutas xacobeas nas que se actúa.

No período 1998-2004 na provincia da Coruña se realizaron 77 proxectos deste tipo. Este ano xa se aprobaron na primeira comisión 11 escolas e obradoiros de emprego nos que participarán 369 alumnos. Un dos obradoiros recentemente aprobados para esta provincia será o que se desenvolverá neste concello de Boqueixón, que contará cunha subvención de máis de cincocentos trinta e seis mil euros (536.659,20) e no que participarán trinta (30) alumnos, formándose nas especialidades de carpintería, cantería e xardinería.

Con este novo proxecto, levarase a cabo o acondicionamento do contorno e dos accesos á área social de Santabaia de Vigo, á área deportiva e social de Loureda de San Pedro, así como a reforma das prazas de Oural, Gastrar, Sergude e Codeso.

A conselleira expresou o seu desexo de que este novo proxecto teña o éxito dos seus predecesores. Un deles levouse a cabo en colaboración con Concello de Teo e contou cunha subvención de máis de setecentos cincuenta e oito mil euros (758.370,05) e o outro, conxuntamente co Concello de Touro, cun importe de superior aos novecentos sesenta e cinco mil euros (965.590,56).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia