Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Tatúate seguro achegará información sobre tatuaxes e piercings a distintas localidades galegas

Arranca, nas localidades de Vigo e Sanxenxo, o proxecto “Tatúate Seguro”, un programa organizado polas dirección xerais de Voluntariado e de Saúde Pública que pretende achegar a información que se precisa antes de facer unha tatuaxe ou un piercing.

A iniciativa levará durante o verán a distintas zonas de marcha, entre as 23 horas e as 4 da madrugada, carpas onde voluntarios, formados previamente pola Dirección Xeral de Voluntariado, indicarán todos os aspectos que deben ter en conta todas aquelas persoas que desexen tatuarse ou facerse un piercing. As carpas de Tatoo estarán en Vigo e Cangas a próxima fin de semana, 1 e 2 de xullo; en Baiona e Ourense, os días 8 e 9, e en Santiago e Marín, o 15 e o 16.

A través deste programa, a Xunta de Galicia quere fomentar a conducta responsable entre os que pensen utilizar calquera das devanditas fórmulas, xa que calquera técnica que perfore a pel debe ser feita baixo unhas determinadas condicións para evitar riscos para a saúde. Tanto os requisitos mínimos dos establecementos como a formación do persoal están rexidos por unha lexislación autonómica, o Decreto 13/2004 do 15 de xaneiro no primeiro caso e a Orde do 22 de xullo de 2004 para o segundo.

Nas carpas de “Tatúate Seguro” informarase das recomendacións previas a unha tatuaxe: facelo nun establecemento censado pola autoridade sanitaria que garante o cumprimento das normas esixidas; que o material estea esterilizado, sendo preferiblemente desbotable e, para perforar, mellor agulla que pistola; que o profesional leve lubas e que tanto agullas como tintas sexan dun só uso; que no piercing, para evitar alerxias, se utilicen pezas de aceiro cirúrxico, ouro de 14 a 18 kilates e se evite a prata de lei.

DECORACIÓN CORPORAL CON SEGURIDADE

Tatuaxes e piercings integran o que se denomina Body Art ou arte de decoración no corpo e que se ven utilizando desde moi antigo en moitas culturas como elemento estético.

Na actualidade, segundo un recente estudo publicado pola Dirección Xeral de Xuventude hai un mes, un de cada 4 mozos galegos (27,7%) fíxose nalgunha ocasión un piercing ou unha tatuaxe, o que corresponde a arredor de 130.000 xoves. Do 72,77% restante, a un 36% gustaríalle facerse un. Un dato relevante ao respecto é que menos da metade dos que afirman ter feito un (43,5%) acudiron para elo a un centro homologado, a pesar de que a inmensa maioría afirma coñecer os riscos asociados a estas prácticas, como infeccións ou alerxias.

Os piercings e tatuaxes aparecen tamén sinalados por un 47,6% no apartado de cuestións sobre as que os mozos síntense pouco o nada informados.

De aí que “Tatúate Seguro” incida en que as dúas técnicas teñen riscos para a saúde, entre os que se atopan as infeccións leves ou reaccións alérxicas na zona, a formación de cicatrices en persoas, sobre todo no peito. Cando non se dan as condicións hixiénicas básicas ou non se utilizan materiais estériles, medra enormemente o risco de introducir virus ou bacterias no sangue. Ademais, hai que ter en conta que aínda que existen técnicas para retiralos, son caras e moitas veces non son totalmente efectivas.

No caso do piercing, a perforación da pel con agullas ou instrumentos punzantes pode ocasionar hemorraxias, inflamación na zona, traumatismos e esgazaduras, por arrancamento, rozamento ou presión nas zonas da lingua, embigo, mamilas, labios e xenitais.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia