Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Concello de Oleiros renuncia á escolar obradoiro do Castelo de Santa Cruz acusando á Xunta de caciquismo










O Concello de Oleiros renuncia á Escola Obradoiro concedida para restaurar as murallas do Castelo de Santa Cruz, e o seu contorno. Esta decisión veu dada, segundo afirmou o alcalde García Seoane en Rolda de Prensa, porque “a Xunta de Galicia impuxo unha selección das 30 prazas de alumnos e alumnas que conformarían o curso, na que a meirande parte deles son persoas que non reúnen os requisitos para acometer o traballo obxecto desta Escola e que máis ben deberían incluírse en programas de Servizos Sociais, e sen embargo, si reúne outros que todos coñecemos, porque foron persoas que distribuíron os panfletos e repartiron a propaganda electoral do PP, pegando incluso os carteis nas marquesiñas municipais. E se a Xunta pretende que cos cuartos públicos da Comunidade Europea destinados a un importante traballo, como é o restaurar as murallas e o contorno do Castelo, paguemos nós os favores que lle debe o PP a esa xente, están moi equivocados”.

De desagradable noticia para Oleiros cualificou García Seoane esta nova, provocada “pola actitude intransixente e partidista da Delegada da Consellería de Asuntos Sociais na Coruña”, con quen o rexedor municipal mantivo varias conversas telefónicas nas que solicitaba unha xuntanza para dialogar e tentar chegar a un acordo racional que conducise á lograr unha lista de 30 persoas co perfil axeitado para o traballo a realizar. Sen embargo, a meirande parte desas 30 persoas, agás 10 ou 11, son persoas “que mesmo están enfermas”. O baremo e a interpretación que os técnicos da Xunta de Galicia deu á normativa que rexe nestes casos, primou uns criterios errados, poñendo por riba os intereses de sectores ‘menos favorecidos’ –mulleres, maiores de 45 anos, persoas perceptoras do Risga, etc…- no lugar de primar o perfil de aptitude física e profesional axeitada. De aí que os técnicos que representaban ó concello na xuntanza de avaliación dos 94 candidatos e candidatas, non asinasen o acordo manifestando a súa total oposición ó criterio practicado polos técnicos da Xunta de Galicia.

Curiosamente, afirmou o alcalde, “sen que houbese acordo, e polo tanto, sen que houbese unha lista consensuada e definitiva, dous días antes das eleccións a meirande parte desa lista de 30 persoas, precisamente os ‘amigos’ do PP, xa tiñan a comunicación de que estaban admitidos. Iso é síntoma de que se practicou clientelismo, caciquismo e de todo, menos rigorosidade no proceso de selección. Agora terán que ser eles mesmos quen lles comuniquen que non haberá tal Escola Taller”. Esta Escola debería entrar en funcionamento antes do 30 de xuño, porque de non ser así, pérdense os fondos comunitarios destinados á mesma.

Antecedentes que se contradín.-

Ángel García Seoane fixo un repaso dos precedentes que ten Oleiros no eido da formación ocupacional. “Levamos 17 anos sendo pioneiros na formación ocupacional e laboral de alumnos que saíron sempre coa suficinte formación para atopar traballo”. Nestes 17 anos, houbo 7 Escolas Taller, e nunca houbera ningún problema coa Xunta de Galicia nin co INEM á hora de confeccionar as listas de seleccionados; antes ben, houbo relacións cordiais e sempre houbo entendemento cando o concello demandaba cursos ou actividades para os fins de fomento de emprego.

Tras desta Escola Obradoiro co fin de restaurar as murallas e contorno do Castelo de Santa Cruz, o concello de Oleiros levaba dous anos pelexando por ela. O proxecto inicial contemplaba a selección de 60 persoas para este curso, e despois de diversos encontros coa Xunta, esta rebaixou o número a 30 persoas, o que implicou que o proxecto e obxectivos non ían ser conseguidos, pero así e a todo, o concello aceptou os 30 alumnos para, alomenos, poder facer parte do proxecto. Despois dun “tremendo calvario” para conseguir os informes previos da Xunta de Galicia, cando se chega en maio deste ano a outorgar esta Escola Taller, acordouse que viñese a propia Delegada da Consellería de Asuntos Sociais a facer a presentación pública da concesión a Oleiros, para o que estaba expresamente convidada polo concello. Non só non veu, senón que despois de estar confirmada, non enviou a negativa –un fax- ata o día anterior pola tarde, en horas nas e o concello está pechado, e tan só unhas horas antes de anunciada a súa visita. Ó día seguinte, curiosamente, aparece nos medios de comunicación a información da concesión da Escola Taller, unha noticia dada en Rolda de Prensa polo Partido Popular, que se quixo atribuír o logro.

Comeza o proceso de selección.-

Realizouse a convocatoria aberta para a selección de persoal –profesorado, técnicos administrativos e director- e elixíronse sen ningún tipo de problema, acudindo a esta convocatoria persoas dende todas partes de Galicia. Pero esta selección foi feita por dous técnicos do INEM e outros dous municipais, “sen que estivese, como debe ser, ningún político presente, para atender exclusivamente a criterios profesionais e técnicos”.

Chegou a hora da selección dos alumnos, á que se presentaron 94 persoas para os 30 postos, pero “atopámonos con que as 2 persoas que viñan pola Xunta de Galicia, viñan coas directrices claras, concisas e concretas, interpretando a Normativa de Selección á súa maneira, e obviando ós técnicos municipais cualificados e respectados durante 17 anos polas distintas instancias da Xunta de Galicia, e converten o que tiña que ser a Escola Taller, nun Centro de Recollida de persoas na súa maioría, con necesidades críticas, con problemas nalgúns casos mesmo psicolóxicos, e outros aspectos máis relacionados cos Servizos Sociais que cun Centro de Formación Ocupacional, apto para facer un traballo desta envergadura”.

García Seoane dixo tamén que “observamos cómo eses criterios e sen respecto algún ós técnicos, atribuíuse a presidencia e asinaron os postos das persoas que lles veu en gaña a eles, nunha alta porcentaxe ligadas ó PP, persoas que calquera veciño de Oleiros sabemos que son quen andaron porta a porta cos panfletos do PP, repartindo a súa propaganda electoral e mesmo pegándoa no mobiliario urbano, nas marquesiñas”.

O concello, dixo, “ante tal atropelo, non vai consentir trucar o funcionamento dunha Escola que no futuro puidera servir para atopar traballo estas persoas, e para nós, eses cuartos da Comunidade Europea deberían ser investidos nos fins para os que foron concedidos, e non para pagar as cacicadas e as políticas miserentas do Partido Popular que tanto resultado lles dá noutras partes”.

Así pois, o alcalde de Oleiros afirmou renunciar á Escola Obradoiro con gran pena, “dado que con esas actitudes e esas actuacións, o fin proposto de restaurar as murallas e preparar profesionalmente ás persoas, non se van a dar, agás nalgún dos casos”. Refírese o rexedor municipal a esas 10 ou 11 persoas alleas a esta situación, que está en previsión do concello insertalas noutro programa ocupacional “que agora si, esperamos sexa negociado xa cun novo goberno na Xunta de Galicia”.

A axuda da Xunta.-

A costa dos fondos europeos, a Xunta dera unha concesión de 536.000 euros, aportando o concello outros 80.000, “xa que o que daba a Xunta era só o necesario para pagar as altas nóminas dos soldos impostos que, curiosamente, neste caso foron moito máis altas que nas Escolas anteriores, que cobraban os alumnos o soldo base, e sen embargo nesta ocasión, estipularon uns salarios dunhas 130.000 pesetas, 781 euros, chegando incluso algúns salarios ós 1.200 e 1.500 euros.

O director do Centro Municipal de Formación.-

Pola súa parte, Ramón Lemos, director do C.M.F. “Isaac Díaz Pardo”, afirmou que “nós buscamos cubrir o obxectivo de dar a resposta que o mercado de traballo ten relacionado cos profesionais que se ían formar. Á xente apréndeselle a pescar, non se lle pon o peixe na man. Nós perseguimos que a través deste salario, a xente aprenda e lles serva para logo, traballar, e este non foi o criterio seguido nesta ocasión. Había que buscar un perfil concreto entre os aspirantes, que respostase ós obxectivos do traballo a facer, dado que neste caso, a cantería é moi especializada, e non mampostería pura e simple”. Afirmou Ramón Lema que “nós xa temos programas de inserción laboral para estes colectivos desfavorecidos que son os que parece que primaron nos técnicos da Xunta, pero aquí estabamos a falar doutro obxectivo diferente”. Hai programas de formación dentro do Consorcio, para eses colectivos, e que están funcionando de marabilla.

O alcalde rematou dicindo que “sei que van facer demagoxia con esta postura, acusándonos de non querer a sectores desfavorecidos, pero nós non imos por iso a permitir que se manipule un proxecto tan importante como é a recuperación do Castelo de Santa Cruz, porque o que hai detrás da actitude da Xunta é algo tan opaco, manipulador e caciquil, que non o imos consentir”.

Curiosamente, foron concedidas á vez que esta Escola Obradoiro de Oleiros, outras 8 máis, “pero todas elas para concellos do PP, polo que non terán problemas; o problema xurdiu aquí, porque nós non comulgamos con rodas de muíño”.

O concello enviou á Delegación da Consellería de Asuntos Sociais na Coruña, un escrito no que se recolle a negativa do concello a aceptar a lista proposta e imposta pola Xunta de Galicia.
Concello de Oleiros