Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Convocada por Internet unha cadea cidadá para facerlle fronte ao voto emigrante

O acto,unha cadea humana que cruzará a cidade, ten como obxectivo "facerlle fronte ao voto emigrante" e reivindicar os 100.000 votos de diferencia que conseguiron o PSdeG e o BNG nas eleccións do pasado 19 de xuño.
A idea xurdiu en internet, dende distintas páxinas, e convocouse a
través de móbil, correos electrónicos e distintos blogs e foros. A
cadea cívica, a semellanza dunha experiencia parecida que tivo lugar en Cataluña, unirá dous puntos da cidade de Santiago de Compostela: a estatua do cofundador do PSOE Pablo Iglesias (no barrio de Vite) e o monumento a Castelao, pai do nacionalismo político (no parque da Alameda). En total, 2 quilómetros de persoas unidas polas mans.
A cadea humana convócase para o domingo 26 de xuño ás 13:00h, unha semana despois das eleccións e na véspera do reconto definitivo do voto CERA. Precisamente un dos obxectivos dos promotores é "facerlle fronte ao voto emigrante". "Non podemos estar pendentes durante unha semana do reconto dun voto que se produce en circunstancias de dubidosa legalidade, non podemos tolerar que a fraude faga sombra sobre o que foi o maior éxito da esquerda e do nacionalismo na democracia".
Os promotores queren reivindicar a vitoria nas eleccións para o
conxunto de PSdeG e BNG: "Hai que dicirlles, por se non o saben, que gañamos nós", aseguran na súa web: http://cadeahumana.blogsome.com. Ao mesmo tempo, desexan que se entenda como unha posición de ánimo para que estes dous partidos se poñan de acordo e cheguen a un bo e rápido pacto de goberno.
"Non podemos quedar de brazos cruzados, non nos poden roubar a
primavera. As dúas patas nas que se vai asentar o país novo, precisan collerse das mans e deixar estes días de impás. Somos moitos e moitas os galegos que temos cousas que dicir nesta nova etapa. Non hai tempo para o pesimismo, a primaveira non pode esperar máis, queremos manifestar a nosa vontade de cambio", sinala un dos correos que circulan pola rede.

Máis información en:
http://cadeahumana.blogsome.com/

Óscar Sánchez (http://cadeahumana.blogsome.com/)