Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A normativa legal sobre ensinanza está operativa no portal www.edu.xunta.es

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria puxo a disposición da comunidade educativa, a través do portal www.edu.xunta.es, o acceso gratuíto á base de datos MAGISLEX, que proporciona de forma útil, rápida e permanentemente actualizada toda a normativa legal vixente sobre educación.

O acceso, efectúase mediante un icono facilmente accesible, de forma que o proceso de busca, obtención, consulta e xestión da información requerida resulta óptimo.

O acceso a MAGISLEX permite que 37.000 profesores, 400.000 alumnos, 1.601 centros educativos e en xeral, toda a comunidade educativa, goce da máis completa variedade de servizos sobre lexislación educativa que existe na actualidade, obtendo cando o desexen todas as disposicións vixentes que sexan do seu interese, dun período determinado ou dun documento concreto, sexa o Boletín Oficial do Estado, diarios oficiais autonómicos ou o Diario Oficial das Comunidades Europeas.

A Administración educativa galega puxo en marcha este novo servizo dando así continuidade a súa labor de modernización e adecuación do sistema educativo á nova Sociedade da Información, creando contornos
web que permitan ofrecer servizos educativos e administrativos sen as restricións espazo-temporais que antes existían.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dentro do marco do Proxecto Siega (Sistema de Información da Educación Galega), dispón dun portal educativo que engloba e ofrece numerosos servizos administrativos, recursos e contidos educativos. Este contorno web permite un fluxo comunicativo áxil, continuado e interactivo entre os usuarios, así como a realización de xestións administrativas e académicas de forma simple e eficaz.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia