Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Emprego achega 81.000 euros para reformar os centros sociais de Coles e Castrelo do Val

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiará con 81.000 diferentes actuacións en materia de servizos sociais nos concellos ourensáns de Coles e Castrelo do Val. Así se recolle nos convenios asinados entre a responsable do departamento autonómico, Belén Prado, e os alcaldes destes municipios, Eladio Pérez e Raúl Fernández, respectivamente.

O departamento autómico subvencionará con 51.000 euros o remate das obras do edificio do centro social de Sobral no Concello de Coles. O municipio achegará 17.643 euros complentado o orzamento total desta actuación, que se eleva aos 68.643 euros.

Así mesmo, a consellería colaborará tamén co Concello de Castrelo do Val na reforma dun edificio en Monteveloso para convertilo en centro social. O importe total desta actuación elévase a 45.000 euros dos que 30.000 euros serán achegados polo departamento autonómico e o resto polo concello.

PLAN CONCERTADO

O financiamento autonómico dos centros realízase a través do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, que artella a cooperación económica e técnica entre a Xunta e os municipios nesta materia. Deste xeito, garántese unha rede pública de apoio social á que poden acceder dun xeito fácil e efectivo a través das corporacións locais todas as persoas, familias e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situacións de necesidade.

Os principais obxectivos do plan son garantir uns servizos sociais básicos a toda a poboación, construír unha rede pública de equipamentos sociais e cooperar cos distintos municipios para que poidan afrontar as súas competencias na xestión dos servizos sociais.

No presente exercicio, o Plan Concertado conta cun orzamento total de 18.698.324€. A achega da Xunta incrementouse nun 42% nesta lexislatura, beneficiando a máis de 400.000 usuarios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia