Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Belén Prado destaca o papel da Semana Cultura Xitana na mellora da integración social desta etnia

A conselleira en funcións de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, clausurou en Ourense a Semana Cultural Xitana. Unha iniciativa que, segundo sinalou a conselleira, contribúe a mellorar o coñecemento desta etnia por parte da sociedade e favorece a tolerancia e a integración.

Belén Prado explicou que a Xunta desenvolve diferentes programas sociolaborais para evitar situacións de exclusión. Entre eles, o Plan de Desenvolvemento Xitano, do que a Consellería de Asuntos Sociais xestiona 380.000 euros en 2005. Neste exercicio, o concello de Ourense recibiu do Plan unha partida de 50.000 euros, coa que se financian actividades coma a Semana Cultural.

A conselleira en funcións apuntou tamén que unhas 480 persoas pertencentes a minorías étnicas están a percibir a Renda de Integración Social de Galicia, 88 delas na provincia de Ourense.

Ademais, estas minorías están contempladas como beneficiarias do I Plan Galego de Inclusión Social (2001-2006), ao que se incorporaron o pasado ano 112 persoas deste colectivo, 40 da provincia ourensá. O obxectivo do Plan é favorecer a integración das persoas que corran o risco de atoparse en situación desvantaxe social. Trátase dun plan de carácter integral, que prevé actuacións no ámbito da saúde, a vivenda, a educación, a cultura e o acceso ao mercado de traballo.

Belén Prado reiterou o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida da etnia xitana e coa súa participación na vida pública. A intención da Administración autonómica é propiciar unha mellor convivencia entre os distintos grupos sociais e culturais, combatendo a discriminación.

A titular en funcións de Asuntos Sociais agradeceu o traballo dos promotores da Semana Cultural, entre os que figuran o concello de Ourense, a Federación Galega de Asociacións Xitanas e a Asociación Chanela.

ACTIVIDADES CULTURAIS

Ao longo da semana que hoxe se clausura, o programa de actividades incluíu conferencias, exposicións e actividades de ocio para os máis novos, ademais de cursos de iniciación ao romanés. O peche de actividades incluíu a Cerimonia da Auga e as Flores, a entrega de diplomas dos cursos e actuacións de flamenco.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia