Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As lonxas galegas subastaron en 2004 máis de 151.000 toneladas, un 21% máis que no ano anterior

A facturación e o volume das descargas da pesca aumentaron en Galicia dende o 2002. Esta é unha das conclusións que se pode tirar do “Anuario de Pesca de Galicia 2004”, que presentou o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos en funcións, Enrique López Veiga. As estadísticas oficiais, elaboradas a partir dos datos enviados polos sector, mostran como en 2004 os quilos subhastados aumentaron un 21,32% dende 2003; o que significa un 16,31% máis de ingresos globais para os profesionais.

En total, a producción galega de productos do mar frescos superou os 389 millóns de euros o ano pasado:

Estatísticas elaboradas a partir das facturas dos mariñeiros e mariscadoras.-

Estes datos son a única fonte oficial e fiable da situación da pesca en Galicia, xa que proceden das facturas de venda remitidas polo propio sector. A Plataforma Tecnolóxica da Pesca procesa os datos e publicaos na Rede na páxina www.pescadegalicia.com.

Cómpre suliñar que a Consellería de Pesca é a única administración pesqueira de España que é quen de procesar e publicar a diario a evolución das subhastas en tódalas lonxas. A través do libro presentado, Pesca, aplicando a súa política de total transparencia informativa, recompila os datos do 2004 para ofrecer unha visión global da evolución do sector nos últimos anos.

Esta publicación desglosa a producción segundo criterios xeográficos (provinciais, lonxas e areas xeográficas) e por especies. A nivel provincial, mostra un aumento do peso da Coruña, que aportou en 2004 o 48% da cantidade e o 40% do valor da producción. En Pontevedra, subiron as cantidades vendidas un 15% dende 2002, e os importes un 11%. A Mariña Lucense, que representa máis do 20% da actividade, incrementou a súa facturación máis dun 26% sobre 2002.

As vendas de pescada creceron un 25%.-

No referido ás subhastas de peixes, que representan máis do 67% da facturación total, a especie máis importante economicamente é o lirio. A primeira venda desta especie en 2004 superou os 11 millóns de euros, seguido polo bonito do norte, cunha facturación de máis de 6,6 millóns de euros. Sen embargo, por precio, o peixe máis valorado foi o linguado, que se subhastou a case 15 euros ó quilo. A pescada, cun 25% máis, foi a especie que tivo unha maior subida en producción en 2004 respecto a 2003.

O valor das vendas de bivalvos é o 17,07 % do total. Neste grupo a ameixa fina é a mais importante economicamente (19 millóns de euros), seguida da ameixa babosa (16 millóns de €) e do berberecho (15,6 millóns de €). Tamén é a ameixa fina, con 25,84 € por quilo, unha das máis valoradas; só superada neste grupo pola cadelucha, que se pagou a unha media de 25,98€ o quilo. En total, o sector obtivo un 13% máis de ingresos pola venda de ameixa fina en 2004 respecto a 2003.

O polbo é o producto estrela do grupo dos cefalópodos. Representa máis do 62% da facturación e máis do 36% do total de capturas. O seu precio medio foi de 5,08 euros o quilo, só superado polos 5,31 da lura.

Ranking de especies máis valoradas: case 55 euros o quilo de santiaguiño.-

Son os crustáceos os que acadan cotizacións máis elevadas nas lonxas. Ata 54,97 euros ó quilo alcanzou o santiaguiño, mentres que 34,41 euros pagáronse de media polos máis de 18.000 quilos de lagosta subhastados. O camarón (33,71 €/kg.), o percebe 28,82 (€/kg.) e o lumbrigante (20,85) completan o ranking de crustáceos máis valorados.

En termos negativos, o peixe espada e o lirio presentan os peores datos. A facturación de peixe espada caeu un 11% respecto a 2003. No caso do lirio, aínda que aumentou un 38% a cantidade vendida, os ingresos foron de 162.468 menos pola baixada do precio medio.

En resumo, o “Anuario de Pesca de Galicia 2004” presenta un gran volume de datos desglosados por lonxas, zonas, especies e provincias. Estes datos son moi útiles á administración e ós biólogos para adaptar o esforzo pesqueiro á realidade de cada especie en cada zona nun intre determinado.

As estatísticas presentadas podense contrastar en pescadegalicia.com. Por outra banda, a publicación presentada xa se pode descargar na páxina web da Consellería de Pesca, na sección de novas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia