Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta promove o desenvolvemento cooperativo a través do Proxecto Equal Nexus-Rede

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos colaborarán no desenvolvemento cooperativo mediante o financiamento do programa “Nexus-Rede”, da iniciativa comunitaria EQUAL. Os responsables en funcións destes dous departamentos, Belén Prado e Henrique López Veiga, asinaron o convenio entre a Administración e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), esta última en representación das entidades que conforman a agrupación de desenvolvemento do proxecto. As consellerías de Pesca e Emprego financiarán a iniciativa con 132.159 euros.

A denominación exacta do proxecto é “NEXUS REDE: retos e desafíos para a adaptabilidade das cooperativas e o fomento da igualdade de oportunidades en sectores estratéxicos da economía galega”. Os seus obxectivos son mellorar a adaptabilidade das cooperativas e das persoas que as integran aos cambios económicos que conforman o novo marco competitivo empresarial. A iniciativa tenta potenciar a creación e mantemento do emprego de calidade e dunha maior estabilidade laboral, principalmente no que respecta a colectivos con especiais dificultades de acceso ao emprego.

INICIATIVAS

En concreto, tentarase mellorar a capacitación dos traballadores destas sociedades, familiarizándoos co uso das novas tecnoloxías da información. Na procura deste obxectivo, crearanse un centro de teleformación cooperativa e unha escola cooperativa móbil.

Ademais, potenciarase a expansión e diversificación das actividades cooperativas cara os sectores onde haxa oportunidades de negocio ou ben a fórmula cooperativa sirva para regularizar situacións de emprego sumerxido. Tamén se promoverá a cooperación entre sociedades, concretándoa no intercambio de experiencias e no uso compartido de recursos humanos e materiais.

Por outra banda, procurarase a adaptación de modelos de financiamento específicos para estas sociedades, o impulso da participación feminina nos órganos de goberno, a consecución de melloras relacionadas co respecto ao medio ambiente, a creación dunha rede de investidores privados e a posta en marcha dun portal en internet sobre negocios da economía social.

A agrupación de desenvolvemento, xestionada por AGACA, está composta ademais pola Universidade de Santiago, a Federación de Empresas Cooperativas SINERXIA, a Unión Galega de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA), a Asociación de Redeiras de Portosín e as consellerías de Emprego e Pesca.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia