Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Emprego financia con 178.000 euros a reforma e o equipamento de centros sociais en tres concellos ourensáns

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiará con 178.000 euros accións de reforma e dotación de centros sociais nos concellos ourensáns de Maceda, Verea e O Irixo. Así consta en tres convenios de colaboración asinados en Santiago entre a titular en funcións de Asuntos Sociais, Belén Prado, e os alcaldes dos ditos municipios.

A consellería financiará con 100.000 euros a adecuación dun edificio municipal en Maceda, destinado a albergar un centro integral de servizos sociais de atención primaria. O concello completará con 30.000 euros o orzamento que se precisa para executar a obra.

No Irixo, Asuntos Sociais financiará con 36.000€ a rehabilitación das casas escola de Couso e Carballeda, que serán utilizadas como centros sociais. O concello achegará outros 4.000 euros a este fin.

Por último, no concello de Verea a Administración autonómica acometerá a reforma e adecuación da antiga escola de Gomesende para utilizala como centro social. Nesta obra, a consellería investirá 42.000 euros e o concello, outros 3.000.

PLAN CONCERTADO

O financiamento autonómico dos centros realízase a través do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, que artella a cooperación económica e técnica entre a Xunta e os municipios nesta materia. Deste xeito, garántese unha rede pública de apoio social á que poden acceder dun xeito fácil e efectivo a través das corporacións locais todas as persoas, familias e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situacións de necesidade.

Os principais obxectivos do plan son garantir uns servizos sociais básicos a toda a poboación, construír unha rede pública de equipamentos sociais e cooperar cos distintos municipios para que poidan afrontar as súas competencias na xestión dos servizos sociais.

No presente exercicio, o Plan Concertado conta cun orzamento total de 18.698.324€. A achega da Xunta incrementouse nun 42% nesta lexislatura, beneficiando a máis de 400.000 usuarios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia