Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Belén Prado clausura o obradoiro de emprego Ecolalín III, financiado pola Xunta con 1.033.974 euros

A conselleira en funcións de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, clausurou o Obradoiro de Emprego Ecolalín III, financiado pola Xunta con 1.033.974 euros. Nesta iniciativa, que se desenvolveu ao longo dos últimos 12 meses no muncipio pontevedrés de Lalín, participaron 60 persoas, o 72% delas mulleres.

Durante o acto de entrega de diplomas aos alumnos do obradoiro, a conselleira animou aos participantes a continuar a súa formación ao longo de toda a vida e a aproveitar os recursos dispostos pola Xunta para facilitar a busca dun posto de traballo ou para crear a propia empresa. Entre outros, citou a rede de técnicos de emprego e a de orientación laboral, o Servizo Galego de Colocación e as axudas ao emprego autónomo e á constitución de cooperativas.

No obradoiro de emprego Ecolalín III participaron 60 alumnos, que se formaron nas especialidades de albanelería, cantería, carpintería, pintura e xardinería. Durante o ano no que se desenvolveu o obradoiro, os alumnos traballaron na construcción do centro municipal de formación do textil así como na mellora do acondicionamento do contorno do auditorio e de diversos equipamentos públicos.

POLÍTICAS DE EMPREGO

A Xunta vén apoiando o desenvolvemento de escolas obradoiro e obradoiros de emprego na provincia de Pontevedra dende 1998. Dende ese ano, concedéronselle á provincia 94 destes proxectos. Hai unhas semanas, a consellería de Emprego aprobou outros 9 máis, dos que se beneficiarán 320 alumnos.

Este tipo de programas, así coma as demais iniciativas integradas nas políticas activas de emprego da Xunta (as axudas ao emprego autónomo, o Programa Labora, o Programa de apoio as iniciativas de emprego de base tecnolóxica, etc), presentan unha elevado índice de inserción laboral. Arredor do 70% dos alumnos que participan en escolas obradoiro e obradoiros de emprego atopan traballo tras rematar a formación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia