Os participantes nas III Xornadas Ciencia e Territorio identifican a Santolina Melidensis, especie exclusiva da comarca da terra de Melide e advirten sobre o perigo da súa desaparición

No transcorrer do traballo de campo foron identificadas tamén outras
especies raras (aínda que non exclusivas da Terra de Melide) como a “Leucanthenum gallaecicum”, estudada polos profesores Rodríguez Oubiña e Ortiz, relatores/as nas Xornadas, e moi difícil de atopar.
Pola tarde os participanets desenvolveron dous obradoiros. Un, dirixido polo profesor da USC Ramiro Iglesias Louzán, sobre a
clasificación do material recollido nas saídas de campo de cara á
elaboración de herbarios, e no cal foron estudadas tamén as
propiedades específicas dalgunhas das especies atopadas.
O segundo obradoiro estivo centrado na elaboración de cosméticos e sales de baño a partir do material vexetal recollido nas saídas de
campo. Este segundo obradoiro estivo dirixido polas farmacéuticas
responsables da Cooperativa Milhulloa, empresa que desde a Terra de Melide comercializa produtos ecolóxicos.
En definitiva, e como conclusión da segunda xornada de traballo,
despréndese que debido ao carácter exclusivo dalgunhas das especies estudadas, sería preciso que a administración elaborase, en colaboración coa poboación local, un plan serio de conservación que mesmo podería asumir certos impactos como o da autovía Santiago-Lugo, se esta se trazase polas proximidades do actual Parque Empresarial de Melide.
Paco Veiga + Xosé Luis Castro (III Xornadas Ciencia e Territorio)