Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

López Veiga inaugurou o carro varadoiro do peirao de Fisterra

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, asistiu ó acto de inauguración do novo carro varadoiro do peirao de Fisterra, que tivo lugar no porto desta localidade da Costa da Morte. Trátase da posta en marcha dun sistema autopropulsado para a varada de embarcacións.

Esta instalación forma parte das actuacións do Plan do porto de Fisterra, asinado en outubro de 2003 pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a confraría de pescadores. A cantidade total investida para a realización desta obra foi de 274.850 euros.

López Veiga estivo acompañado, no acto, pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Rosa Mª Quintana Carballo, e polo secretario territorial da Delegación Provincial de Pesca de A Coruña, Sergio Peñamaría Ramón.

Un sistema innovador nos portos galegos.-

Esta infraestructura representa un moderno e novidoso sistema polo que aposta a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para renovar os tradicionais carros varadoiros e mailas grúas pórtico que operan nos portos do litoral galego.

Entre as vantaxes deste sistema está a ampla capacidade para trasladar os buques ata os puntos máis distantes e para maniobrar mellor con eles, desprazándoos segundo conveña e aínda que se dispoña de moi pouco espacio. Do mesmo xeito, a súa instalación nos espacios portuarios non require dunha obra civil custosa pois non precisan dun foso, coma no caso das
tradicionais grúas pórtico, nin tampouco precisa de raíles para o seu desprazamento.

Accións do Plan do Porto de Fisterra.-

O Plan do porto de Fisterra aprobado en outubro do ano 2003 inclúe, tamén, a construcción dunha lonxa no recinto portuario, a recuperación do castelo de San Carlos para a súa utilización como Museo do Mar, unha nave de nova construcción para almacenar e limpa-las caixas de peixe, un xenerador de corrente para garanti-lo suministro de enerxía, unha carretilla elevadora para aliviar de carga de traballo do persoal dedicado ós servizos portuarios, unha máquina hidrolimpadora a motor para
facilita-la hixiene dos barcos e das instalacións portuarias, unha nave de servicio para os mariscadores, equipamento informático para dotar de maior eficacia ás instalacións e un vehículo para a confraría destinado especialmente para as labores de vixilancia.

O Plan, elaborado conxuntamente pola confraría de pescadores e os axentes de Desenvolvemento do Litoral da Consellería de Pesca, persigue como principal obxectivo obter mellores rendimentos económicos e sociais da actividade pesqueira, de forma que constitúa unha fonte de emprego atractiva e favoreza, así, o relevo xeneracional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia