Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Clausurouse Revela en Oleiros coa entrega da bolsa de 12.000 euros ó catalán Alfonso Moral

La diáspora palestina é o título do traballo presentado polo catalán Alfonso Moral Rodríguez, elixido polo Xurado do Certame Revela na súa xunta do pasado 30 de xuño. O interese social e fotográfico deste traballo, a seriedade no plantexamento, a importancia do tema e a orixinalidade no tratamento fotográfico, foron elementos básicos á hora de elixir o proxecto. O acordo foi tomado por unanimidade do Xurado, integrado polo alcalde de Oleiros en calidade de Presidente, Ángel García Seoane, o director de Revela, Xosé Abad, o director da Revista Foto, Manuel López; os fotógrafos Juan Medina, Fernando García Arévalo, e o profesor da Universidade da Coruña Pedro Vega Marcote. Tamén por unanimidade, acordaron seleccionar como finalistas os proxectos titulados “La sala de espera de Europa”, de Sergi Cámara Loscos, tamén catalán, e “Diego García”, do coruñés Martín Pena Vázquez, traballos seleccionados pola súa calidade, relevancia e orixinalidade.

“La diáspora palestina”

Este traballo pretende documentar a vida diaria e os principais problemas ós que se enfrontan dende hai máis de medio século os refuxiados palestinos. Xa ben entrado o século XXI, os refuxiados palestinos viven coa esperanza de poder regresar á súa terra, ou como mínimo, poder abandonar o estado de pobreza e exclusión social á que están sometidos nos países de acollida como o Líbano,
Siria ou Xordania. Pero incluso, dentro da propia Palestina, existen
refuxiados que viven sen saber se poderán regresar ás súas casas, ou ver a familiares que a guerra separou para sempre. A cifra total de refuxiados segundo datos da ONU, pode sobrepasar os 4 millóns de persoas. De xeito continuo, o problema dos exiliados déixase de lado nas negociacións israelí-palestinas. Dende os gobernos árabes o problema esquécese. Os palestinos seguen neste camiño de exilio sós, e cada vez máis desprotexidos.
Dende a ventá que ofrece o proxecto “Revela”, o traballo –segundo o seu autor- pode servir para documentar a situación que viven hoxe en día estes refuxiados, e xerar un debate e unha opinión no espectador que, en moitos casos, descoñece por completo a situación destas persoas.

“La sala de espera de Europa”

Sergi Cámara resume o seu proxecto afirmando que “as imaxes que recibimos case a diario do drama da inmigración, amósannos tan só a chegada ás nosas costas, pero non vemos todo o que teñen que soportar antes de chegar as costas marroquís”. Unha viaxe que en avión suporía de 5 a 7 horas, para moitos inmigrantes saharianos convértese en toda unha odisea que pode durar meses, e incluso anos. A meirande parte dos inmigrantes din ter chegado ata Marrocos por vía terrestre; moitos din ter realizado a viaxe a través do deserto do Sáhara en Malí ou Níxer cara Arxelia, para pasar logo a Marrocos. O paso a Marrocos efectúase entre a cidade arxelina de Magniha e a cidade marroquí de Oujda, despois diríxense a Rabat ou Tánxer para preparar o seu salto final cara Europa polas Illas Canarias ou a península.
Este traballo fai un percorrido por todo este proceso que precede á chegada ás costas españolas nas pateiras. A pretensión do autor é amosar a realidade actual que teñen que vivir milleiros de inmigrantes antes de chegar a Europa en Marrocos, amosar as novas entradas do sur, así como as condicións de vida tan lamentables nas que se atopan, incluso coa morte, así como denunciar a creación de novos campos de detención de inmigrantes en África, ós que a nova Unión Europea están dispostos a financiar, e de abandonos en fronteiras ós que son sometidos os inmigrantes. Denunciar tamén a represión que sofren por parte das autoridades marroquís e detencións e deportacións cara a fronteira de Arxelia ou Mauritania. En definitiva, quere demostrar que as imaxes que a cotío vemos, son tan só a punta do iceberg e dar unha nova visión da viaxe que cada ano, realizan milleiros de emigrantes clandestinos.

“Diego García non existe”

Martín Pena Vázquez sitúa o seu traballo, “Diego García”, desvelando a verdade que acocha a desaparición desta illa. Dende que a comezos dos 70, tras un acordo entre os gobernos británico e
norteamericano, a Mariña estadounidense instala a maior parte das súas bases aeronavais na illa de Diego García, esta deixou de existir.
Alomenos documentalmente. Oculto tras unha estricta política de alto segredo, o archipiélago das Chagos –un grupo de 56 atolóns coralinos situados no centro do Océano Índico, que pertence á illa- permaneceu invisible ós ollos da comunidade internacional, e segue sendo actualmente un coto privado do exército americano onde a impunidade derivada de tal nivel de segredismo, podería incluso augurar a existencia doutro “Guantánamo”. O proceso de militarización das illas condenou ós seus habitantes lexítimos –unha nación criolla de máis de 2.000 persoas- a unha vida no exilio noutras colonias británicas, tras a súa inxusta expulsión por parte do Reino Unido a recoñecer a existencia dunha comunidade indíxena, os isleños carecen incluso de xentilicio. Eles autodenomínanse “Ilois”.
Este proxecto pretende facerse eco dun caso de usurpación do territorio que, se ben conta desafortunadamente con varios
paralelos no contexto actual, permaneceu practicamente á marxe da
divulgación mediática, e que exemplifica a crueldade coa que unha
potencia militarista non dubida en sacrificar o futuro de persoas
indefensas, en nome duns falsos ideais de xustiza e liberdade. O
proxecto consiste na elaboración dunha reportaxe fotográfica sobre
unha cultura non recoñecida e a piques de desaparecer, o retrato
dunhas xentes que constitúen a última evidencia dunhas illas roubadas, a memoria visual dun lugar no mundo, imposible de fotografar.

Valoración da primeira edición de “Revela”

O concello de Oleiros valora moi positivamente esta primeira edición, este I Foro Internacional de Fotorreportaxe e Sociedade, “Revela”, unha iniciativa que xurdiu deste concello co ánimo de continuar na súa dinámica de sensibilizar á opinión pública diante de realidades que enchen o mundo de desequilibrios sociais,
económicos e humanos. Os obxectivos de “Revela” non se poden
cuantificar a curto prazo, malia que a asistencia tanto ás exposicións
como ós debates e obradoiros foi importante. Sementar elementos de reflexión na conciencia individual e colectiva da sociedade, é o
obxectivo desta iniciativa que o vindeiro ano, terá a súa continuidade tendo como punto de encontro da temática social a través da fotografía, os espazos públicos de Oleiros.
O alcalde amosouse satisfeito dos resultados, e afirmou que non será este o derradeiro acto que, dentro desta filosofía, fará Oleiros, un concello que se distingue por manter unha actitude solidaria con tódolos pobos desfavorecidos do mundo.
Igualmente, o director de “Revela” Xosé Abad, recoñeceu a
importancia que na sociedade alcanzou esta primeira edición, un
primeiro paso cara consolidar este Foro Internacional como un punto
máis de referencia para os amantes da fotografía comprometida
socialmente, e que tivo en Oleiros o escenario máis axeitado, dadas as características sociolóxicas deste concello.
Tamén as entidades patrocinadoras como Caixa Galicia, a Fundación Paideia e as demais empresas, amosáronse satisfeitas co resultado de “Revela”, reafirmándose no apoio a este tipo de eventos
socioculturais que contribúen a lograr unha sociedade reflexiva e
sensible á problemática social internacional.
Concello de Oleiros