Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Acto da Mesa pola Normalización Lingüística nos xulgados de Ferrol

Neste acto denunciarase a situación esperpéntica padecida por unha parella ferrolá, á cal unha xuíza se negou a casar en galego, de forma que tiveron que facer uso dun improvisado intérprete para poder realizar a voda na súa lingua.

No acto do venres, unha parella de coñecidos actores representarán unha frustrada voda por non poderen utilizar o noso idioma. Posteriormente, farase entrega de escritos dirixidos á Xunta de Xuíces, reclamando solucións.

Nestes momentos, a Administración de Xustiza está moi por debaixo dos mínimos de cooficialidade. De feito, non é a primeira vez que unha parella se encontra con atrancos como este polo simple feito de querer casar na lingua propia de Galiza.

A Mesa recorda que esta situación se produce pola “pervivencia de
normas inxustas” que están en proceso de reforma nestes momentos no Congreso dos Deputados. A organización en defensa da lingua solicita que se actúe coa máxima dilixencia na reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial para que os xuíces e as xuízas non poidan continuar a
realizar “obxección de consciencia” cara ao galego.

Neste sentido, o Presidente da Mesa, Carlos Callón, considera “un
auténtico disparate” e “predemocrático” que os xuíces e as xuízas non teñan obriga de coñecer a lingua do territorio dos seus xusticiábeis. De calquera xeito, matizou que situacións como as padecidas en Ferrol “terían doada solución cun mínimo de vontade por parte do xuíz ou da xuíza en cuestión”, posto que o casamento é un acto protocolario e fixado: “Neste caso non se trata de realizar un xuízo en galego, senón de ler un simple e breve formulario. Negar ese dereito e pór un intérprete significa un desprezo cara á nosa lingua.”
A Mesa pola Normalización Lingüística