Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emprego colaborará coa CEO na recolocación dos traballadores afectados por reconversións industriais

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais colaborará coa Confederación Empresarial de Ourense na reciclaxe de traballadores en activo. Así se recolle nun convenio, asinado entre a responsable en funcións da consellería, Belén Prado e o presidente da CEO, Francisco Rodríguez.

O obxectivo deste acordo, que contará cun orzamento de 66.000 euros, é establecer medidas de acompañamento aos traballadores afectados por reconversións ou reestructuracións de empresas de xeito que, antes de que se produza a perda efectiva do seu posto de traballo ou antes de que acaden os tres meses de paro, poidan reinsertarse noutro eido laboral adecuado ao seu perfil profesional.

A posta en funcionamento deste proxecto pioneiro en Galicia consta de varias fases. As dúas primeiras xa foron realizadas polo que o convenio actual servirá para a posta en marcha da terceira fase, que consistirá en implantar a metodoloxía de reciclaxe de traballadores en activo.

En primeiro lugar, o acordo prevé a selección de empresas e traballadores para conseguir asesorar directamente, alomenos, a 150 traballadores en proceso de recolocación. Nesta fase analizarase a vida laboral e familiar de cada traballador e as súas expectativas profesionais. Tamén se realizarán accións formativas individuais e grupais que lles aporten aos traballadores os coñecementos profesionais e persoais necesarios para a súa reinserción laboral. O seguinte paso será a realización de accións de acompañamento directo dos traballadores co obxectivo de recolocar a un mínimo de 100 dos traballadores asesorados.

FASES PREVIAS

Este proxecto comezou coa creación dunha metodoloxía de xestión de recursos humanos deseñada para orientar a todos aqueles traballadores, que xa entraron ou é previsible que entren nunha situación de desemprego, respecto de novos postos de traballo que se adapten ás súas espectativas profesionais e persoais.

Posteriormente, organizáronse sesións informativas entre estas empresas explicando as vantaxes do proxecto así como unha campaña de captación de usuarios, xa que os traballadores empregaron horas da súa xornada laboral para recibir información e asesoramento sobre as técnicas e ferramentas que lles permitan buscar outro posto de traballo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia