Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Santiso Miramontes entregou 441 títulos de propiedade de dous lugares do concello de Pol

Un total de 441 propietarios de fincas dos lugares de Torneiros e Cardaño, no concello lucense de Pol, recibiron os títulos de propiedade das súas terras concentradas, nun acto celebrado na Pavillón Polideportivo de Mosteiro e presidido polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes.

VANTAXES

No transcurso da entrega, o conselleiro definiu os procesos de concentración parcelaria como “un dos mecanismos que proporciona maior eficacia á actividade agraria e gandeira”. Entre as súas vantaxes mencionou que se produce un “aproveitamento racional e oportuno do solo, facilitando a introdución de novas técnicas e tecnoloxías de equipamento, que incrementan notablemente a rendibilidade, aumentan a relación traballo/produción e, polo tanto, permiten incrementar os niveis de renda dos propietarios das explotacións e dos concellos onde se asentan”.

O titular de Política Agroalimentaria quixo agradecer a xenerosidade e a participación dos afectados nestes traballos que xulgou imprescindibles para afrontar “novos obxectivos no sector agroalimentario e agrogandeiro galego que nos están a permitir ofrecer produtos dunha gran calidade e aceptación a un mercado cada vez máis especializado e esixente”.

SUPERFICIE CONCENTRADA

Os traballos de concentración parcelaria rematados afectaron a unha superficie de 1.622 hectáreas, cun total de 5.220 parcelas pertencentes a 441 propietarios. O proceso permitiu reducir o número de finas ás 1.132. O investimento total realizado pola Consellería foi de 2.459.040 euros.

Coa superficie reunida con esta nova actuación, a extensión concentrada no concello de Pol elévase ás 4.426 hectáreas, correspondentes a seis zonas, nas que se investiron 5,2 millóns de euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia