Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA edita un folleto sobre a costa galega: Unha costa chea de vida, un patrimonio ameazado

Nel ponse de manifesto que a costa da nosa terra constitúe un rico patrimonio ambiental de enorme importancia socioeconómica que está a sufrir un serio proceso de degradación. ADEGA defende a conservación e uso apropiado da costa a través de medidas como a xestión integrada do litoral ou a xestión sostíbel da pesca.

O folleto sinala que “na costa do noso país non temos ningún espazo natural da importancia de Doñana. Porén, no seu conxunto, a nosa costa ten un interese natural moi destacado, con moitos espazos litorais e mariños de alto valor ecolóxico que cómpre protexer de xeito especial, sen que iso supoña abandonar á súa sorte e entregar a actividades degradadoras o resto do territorio”. 28 espazos naturais costeiros están protexidos, en xeral de forma insuficiente e pouco efectiva.

ADEGA coida que “o estado de conservación da nosa costa e do noso mar é moi preocupante. Estamos a estragar un valioso patrimonio, unha fonte de riqueza e benestar, un sinal da nosa identidade”. Entre as principais causas de deterioración saliéntanse as mareas negras, a contaminación, a sobrepesca e a mala planificación das infraestruturas e da urbanización. Tamén se fai referencia á construción de encoros nos ríos, pois alteran “a circulación normal da auga e os materiais en suspensión que arrastra, con consecuencias negativas para algúns ecosistemas do litoral”.

Para ADEGA, “outro desenvolvemento é posíbel”, mais para iso cómpre recorrer a instrumentos até hoxe pouco aplicados no noso país. “Un dos máis importantes é a xestión integrada do litoral. Consiste en planificar e xestionar os recursos e o espazo do litoral, coordenando todas as políticas e institucións que inflúen nas zonas costeiras. Debe estar aberta á participación das poboacións locais”.

No folleto destácase que“é de grande importancia avanzar cara a unha xestión ecoloxicamente sostíbel da pesca. Só así é posíbel garantir o seu futuro. Unha xestión avanzada da pesca debe contemplar a creación de reservas mariñas de interese pesqueiro, áreas que protexen zonas de reprodución, caladoiros de pesca e áreas de repoboación e nas que se restrinxe a pesca. Comprobouse cientificamente que estas reservas incrementan a pesca nas zonas colindantes”. A Confraría de Lira (Carnota) está a promover a que sería a primeira de Galiza.

Adega