Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Fraga sinala o esforzo investidor do Goberno orientado a conseguir unha dotación básica e prioritaria para o adecuado desenvolvemento da función xudicial

O presidente da Xunta de Galicia inaugurou na vila coruñesa de Corcubión o novo edificio dos xulgados. As obras de reforma e rehabilitación desta construción responderon, segundo sinalou Manuel Fraga, á necesidade que presentaba a casa da Xustiza de Corcubión “dunha transformación e adecuación aos novos tempos e ás novas tecnoloxías”, co obxectivo de ofrecer aos cidadáns un “servizo tan importante, dunha forma áxil e eficaz”. Así mesmo, o novo espazo é froito do “esforzo investidor” que o Goberno galego orientou “á que considera dotación básica e prioritaria” para conseguir un apropiado “desenvolvemento da función xudicial”.

Manuel Fraga sinalou que o investimento no Plan de Infraestruturas Xudiciais ascendeu a “ 50 millóns de euros, no período 1995-2005” e ten, neste momento, “40 actuacións xa rematadas ou en curso”. Ademais, o titular da Xunta subliñou o déficit histórico da Administración de Xustiza co que se atopou o Goberno galego no ano 1995 “cando asumiu as competencias en materia de provisións de medios materiais e económicos para o funcionamento da xustiza en Galicia”.

O presidente da Xunta expresou o desexo de que o novo edificio constitúa “un espazo físico” que permita “exercer a función xurisdicional coa adecuada dignidade” e que contribúa a incrementar “os parámetros de axilidade e eficacia no traballo de todos os servidores da Administración de Xustiza”.

NOVAS PRESTACIÓNS

A rehabilitación dos xulgados de Corcubión requiriu unha nova distribución das súas plantas, a supresión de barreiras arquitectónicas e a instalación de novos sistemas de seguridade, como o de calefacción ou illamento, entre outros. Deste xeito, a nova sede contará cos dous xulgados actuais, ademais dun espazo previsto para un terceiro.
No semisoto situaranse os arquivos, almacéns, dúas celas para detidos e unha sala de recoñecemento para testemuñas. Na planta baixa atópase un xulgado coas salas do civil e do penal, despachos e o Rexistro Civil, entre outros servizos. Pola súa parte, no primeiro andar encóntrase o segundo xulgado así como espazos para o uso de avogados e procuradores ou a fiscalía.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DA OBRA DE REFORMA E REHABILITACIÓN DO EDIFICIO DOS XULGADOS DE CORCUBIÓN

-Este “municipio mariñeiro da Costa da Morte, declarado Conxunto Histórico-artístico o 31 de xaneiro de 1984, e no que se levou a cabo, con posterioridade, un plan de reforma e protección interior que foi o primeiro realizado na Comunidade Autónoma galega”.

-“Neste marco, encóntrase a casa da Xustiza de Corcubión, que estaba necesitada dunha transformación e adecuación aos novos tempos e ás novas tecnoloxías, co fin de prestar aos cidadáns este servizo tan importante, dunha forma áxil e eficaz”.

-“Hai que subliñar o déficit histórico da nosa Administración de xustiza, especialmente en infraestruturas e equipamentos. Déficit co que se atopou a Xunta de Galicia en 1995, cando asumiu as competencias en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Xustiza en Galicia”.

-“A nosa Administración de xustiza experimentou unha importante modernización nos seus medios materiais, cunha especial atención á informatización de todos os postos de traballo, e cunha adaptación ás novas tecnoloxías”.

-“O principal esforzo investidor do Goberno galego dirixiuse á que considera dotación básica e prioritaria para o adecuado desenvolvemento da función xudicial: a sede física dos xulgados e tribunais. Así, o Plan de Infraestruturas Xudiciais ten por froito, a día de hoxe, 40 actuacións xa rematadas ou en curso, cun investimento de 50 millóns de euros, no período 1995-2005”.

-“Entre estas actuacións está a rehabilitación e adaptación desta Casa dos xulgados de Corcubión, que hoxe inauguramos, e que consistiu nunha nova distribución das súas plantas, xunto coa eliminación de barreiras arquitectónicas coa incorporación dun ascensor, e a instalación de todos os sistemas actuais de seguridade”.

-“A Xunta de Galicia pon a disposición do Poder Xudicial, para servizo dos veciños deste fermoso concello e das demais poboacións que comprende o partido xudicial que encabeza –Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas-, este edificio que vai constituír un espazo físico que permitirá exercer a función xurisdicional coa adecuada dignidade, incrementando os parámetros de axilidade e eficacia no traballo de todos os servidores da Administración de xustiza”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia