Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A conselleira de Pesca inaugura o proxecto Aula do Mar na Confraría de Pescadores de Laxe

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, asistiu á presentación dos proxectos “Aula do mar” e “Mardelaxe”, que tivo lugar na Confraría de Pescadores de Santa María da Atalia de Laxe, no que foi o seu primeiro acto oficial desde que tomara posesión do seu cargo. Esta iniciativa forma parte do Plano de Desenvolvemento Pesqueiro do Porto de Laxe.

Na súa intervención, a conselleira de Pesca destacou a importancia dos proxectos inaugurados “porque están dirixidos a revalorizar o traballo das xentes do mar, dende unha perspectiva innovadora”. Destacou así mesmo a súa presencia no acto, o primeiro dende que chegara o departamento autonómico, “como un recoñecemento ó carácter emprendedor dos homes e mulleres que decidiron abrir novas vías de aproveitamento dos recursos do litoral”. Por outra banda, Carmen Gallego salientou que este tipo de proxectos supoñen “unha firme aposta polo futuro da pesca de baixura, que é un dos obxectivos prioritarios da Consellería de Pesca e do novo Goberno da Xunta” e valorou a participación activa das xentes do mar “na procura de alternativas para o desenvolvemento económico das comunidades costeiras”.

DESENVOLVEMENTO DOS PEQUENOS PORTOS

O departamento da Xunta de Galicia destinou para “Aula do Mar” un total de 50.000 euros. O orzamento distribuíuse en accións dirixidas á divulgación do saber facer do pescador e do patrimonio cultural pesqueiro, mediante a creación de rutas guiadas ó porto. Así mesmo, o plan contempla a recuperación dunha antiga embarcación de pesca que se establece como imaxe de tradición pesqueira da zona. Deste xeito, o Goberno galego continúa o seu labor de desenvolvemento dos pequenos portos e dos seus recursos locais.

A titular de Pesca aproveitou a súa estancia en Laxe para asistir tamén a inauguración das actividades socioculturais que á confraría Santa María de Atalia de Laxe engloba baixo o nome “Mardelaxe”. A iniciativa está encamiñada a compatibilizar a actividade profesional da lonxa co desenvolvemento dun espacio turístico. Por outra banda, “Mardelaxe” pretende preservar o mantemento das tradicións marítimas.

Con estas actividades, ó pósito desta localidade coruñesa busca dar a coñecer as características da pesca artesanal, revaloriza-lo traballo efectuado polas xentes do mar e obter beneficios económicos para por en marcha iniciativas que favorezan ós profesionais do sector pesqueiro. Un avance máis de cara a modernización do sector, na liña de traballo que quere desenrolar nesta nova etapa a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia