Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Suárez Canal avanza que a política láctea será un piar fundamental do seu departamento

O Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, visitou dúas explotacións gandeiras do concello da Capela (A Coruña). Ás cinco da tarde achegouse ata as instalacións da Sociedade Cooperativa Galega Vilasuso, que xestiona un importante volume de produción láctea, con 800.000 quilos de cota anual. Alí reuniuse cos seus catro socios propietarios aos que lles manifestou a súa dispoñibilidade a apoiar a capacidade productiva deste sector, precisamente nun momento no que atravesa unha difícil situación logo da imposición da supertaxa por parte da Unión Europea. Unha sanción que afecta a un total de 3.588 granxas galegas e que prexudicara especialmente ás de menor dimensión, aquelas que posúen menos de 150.000 quilos de cota anual.

O conselleiro nacionalista visitou outra explotación nese mesmo concello, sita no lugar de Betoña, de carácter familiar e que conta cunha producción anual de 200.000 quilos de cota. Alfredo Suárez Canal elixiu para a súa primeira actividade pública fóra de organismos oficiais o contacto directo cos productores lácteos, un sector ao que lle quere transmitir o seu apoio e a aposta da Consellaría do Medio Rural por inverter a tendencia de desmantelamento do tecido productivo agrogandeiro que se viña materializando nos últimos doce anos.

Durante a visita, Alfredo Suárez Canal comprometeuse a que a política leiteira sexa “un piar fundamental” do seu departamento durante os próximos catro anos, dentro dunha estratexia máis ampla de desenvolvemento do medio rural que sirva para revitalizar o tecido productivo, mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e dotar de servizos públicos a zonas ata agora esquecidas pola administración.

O titular de Medio Rural entende que a producción láctea é unha actividade básica dentro da economía galega e que así o debe seguir sendo no futuro, de aí que o seu gabinete se puxera a traballar nada máis chegar ao goberno para revitalizar un sector en permanente reestructuración. Neste senso aproveitou as visitas realizadas esta tarde para lembrar que unha das súas prioridades de goberno nestes intres é buscar unha solución ao tema da supertaxa e que para iso artellará un diálogo constante entre o sector, as industrias e a administración autonómica.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia