Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O alcalde de Oleiros renovou o convenio coa Autoridade Portuaria para as actividades da Casa do Fareiro de Mera

Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, ven de renovar coa Autoridade Portuaria da Coruña o convenio que regulará as actividades de lecer ecolóxico e o desenvolvemento integral da Casa do Fareiro en Mera, un dos máis importantes valores culturais e históricos do concello. O primeiro convenio asinárase cando o concello solicitara o edificio da Casa do Fareiro para ser posteriormente rehabilitado, logrando para elo unha
subvención de 40 millóns das antigas pesetas da Fundación Arao. Entre as actividades que se levarán a cabo neste novo edificio histórico, denominado Centro de Interpretación do Mar, están as xuntanzas, seminarios, exposicións, visitas guiadas e moitas outras que se irán determinando paulatinamente atendendo ó interese co que se levou a cabo esta importante iniciativa por parte do concello oleirense.

Con estes fondos, habilitáronse os medios informáticos e leváronse a cabo as obras do interior, no que os visitantes poderán ver reproducido o hábitat, os fondos mariños da costa de Mera-Dexo. As obras, que están a piques de rematar, estendéronse tamén ó contorno da casa, eliminando diversos postes eléctricos por parte da empresa Fenosa e un antigo transformador, canalizándose de xeito subterráneo os cableados; ademais, construíuse un arcén dende Mera ata o mesmo Faro.

O concello ten previsto poñer en funcionamento nun breve prazo de tempo este Centro de Interpretación do Mar, relacionando as actividades que se desenvolvan e coordinándoas coas que se levan a cabo no Ceida, emprazado no Castelo de Santa Cruz.

O Convenio


O convenio establece entroutras cláusulas, que o concello se fai cargo desta Casa e dos custes derivados da súa conservación e mantemento durante o período que dure a autorización, así como dos custes por consumo eléctrico e do auga que se xeren como consecuencia do uso e da conexión para estes servizos ás redes de subministros correspondentes, ademais de se facer cargo tamén da limpeza do edificio e do seu contorno, sendo este ademais o único responsable da seguridade do edificio.
Carmen Carballo (Comunicación Concello de Oleiros - A Coruña)