Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Medio Ambiente participará no proxecto de restauración ambiental da zona costeira entre Camariñas e Camelle

A Consellería de Medio Ambiente participará no proxecto de restauración ambiental da franxa costeira comprendida entre Camariñas e a localidade de Camelle. Esta iniciativa está incluída dentro do programa europeo LIFE, que promove o impulso dunha política comunitaria medioambiental, a través da que se pretende fomentar o desenvolvemento sostible.

O departamento que dirixe Manuel Vázquez comprometeuse a colaborar economicamente nos estudios de restauración de dunas e limpeza de coídos que pretende levar a cabo o Concello de Camariñas mediante a súa participación no programa europeo LIFE. A contía da achega que vai realizar a consellería de Medio Ambiente concretarase nas vindeiras semanas, unha vez o concello coruñés presente ao departamento autonómico o proxecto definitivo.

Este acordo adoptouse no transcurso dunha entrevista que mantiveron o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e o director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández Suárez co alcalde de Camariñas, Juan Bautista Santos Ramos.

Á marxe deste asunto, no transcurso da reunión se plantexou a realización dun estudio para construír unha rede de abastecemento en Ponte do Porto, unha localidade que está a sufrir grandes carencias de suministro na actualidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia