Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Voluntarios de ADEGA-Lugo acudiron a declarar no Xulgado de Mondoñedo por deteren as obras da piscifactoría de Rinlo

Membros da delegación luguesa da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) que detiveron as obras da granxa de cultivos mariños de Rinlo (Ribadeo), desde o luns 22, compareceron para declararen no Xulgado de Mondoñedo, a raíz dunha denuncia presentada pola empresa promotora, Acuinor S.L., e mais pola construtora, Cuiña. Finalmente, a declaración foi adiada até o 19 de outubro por defecto na convocatoria dunha das persoas denunciadas. As obras de construción da piscifactoría, que degradan o espazo natural da Rede Natura 2000 “As Catedrais”, ocupando de forma inxustificada 42.000 m2, foron reanudadas.

Por outra banda, o Xulgado de Mondoñedo admitiu a trámite a denuncia penal presentada por ADEGA por infracción urbanística. Asemade, ADEGA solicitou ao Xulgado unha orde de paralización cautelar
das obras da construción da piscifactoría. Perante esta solicitude o Xulgado demandou senllos informes ao Concello de Ribadeo e ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil.

A xuízo de ADEGA, a construción desta granxa no espazo natural “As Catedrais” constitúe unha grave agresión ambiental e incumpre a Directiva europea Hábitats. A granxa altera un hábitat considerado de conservación prioritaria pola UE (queirugais secos atlánticos costeiros de Erica vagans). Esta piscifactoría foi rexeitada anteriormente en Asturias, polo concello de Valdés primeiro e polo concello de Castropol despois, por se querer instalar en espazos naturais protexidos.

A granxa de Rinlo situaríase nunha das zonas incluídas no Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, aprobado pola anterior Xunta cando xa estaba en funcións e sen un proceso previo de diálogo e consenso social. Nunha entrevista co director xeral de Recursos Mariños da Consellería de Medio Ambiente, Nicolás Cortés, prevista para o venres 2 de setembro, ADEGA denunciará o impacto ambiental da granxa de Rinlo e demandará a paralización inmediata do devandito Plan Sectorial para sometelo a unha fonda revisión na que participen todos os sectores sociais interesados e que supoña a exclusión dos espazos naturais protexidos da costa galega ou susceptíbeis de selo.
Daniel Vispo (secretario xeral de ADEGA)