Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Fernando Blanco buscará acordos encamiñados a garantir o futuro da reparación naval en Ferrol

Blanco realizou estas declaracións tras a reunión que mantivo con representantes do sector e co presidente da Cámara de Comercio de Ferrol, na que abordaron a actual situación das empresas de reparación naval ubicadas en Ferrolterra. O conselleiro explicou que o que se pretende é acadar o máximo acordo posible tanto a nivel sectorial como político para poder presentar unha posición conxunta ao Ministerio de Industria que posibilite o crecemento dun sector que, segundo asegurou Blanco, “pode ocupar os ocos deixados nas sucesivas reconversións industriais realizadas na zona”.


Neste sentido, adiantou que nos próximos días desprazarase a Ferrol para visitar as instalacións do sector e comprobar “in situ” a súa capacidade, co ánimo de impulsar posteriormente os devanditos acordos. “Se temos empresas competitivas, man de obra cualificada e boas condicións tecnolóxicas, teñen que desaparecer certos atrancos a nivel estructural que hai agora mesmo e, deste xeito, poderemos garantir que o sector poda desenvolverse”, subliñou.

A Consellería está xa a realizar un informe sobre a situación do sector, as súas posibilidades de crecemento e as razóns polas que neste momento está limitado ese crecemento. Segundo Fernando Blanco, hai que buscar os mecanismos que faciliten solucións ao sector e que –dixo– “algúns pasan por cambios, seguramente, mesmo na política de Estado”, en alusión a Navantia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia