Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emilio Pérez Touriño anuncia que o presidente do Goberno visitará Galicia a principios de outubro

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que José Luís Rodríguez Zapatero visitará oficialmente Galicia durante a primeira quincena do vindeiro mes de outubro. Trátase da primeira visita oficial á Comunidade Autónoma do presidente do Goberno Central logo do cambio de Goberno e coincidirá coas datas nas que, previsiblemente, se aprobarán os orzamentos galegos para 2006.

De feito, tal e como salientou Pérez Touriño, a visita de Zapatero a Galicia nese momento permitirá explicar o compromiso orzamentario con Galicia e reflicte a especial sensiblidade do Goberno do Estado cos presupostos galegos. Neste sentido, o presidente da Xunta adiantou que os orzamentos de Galicia para 2006 axudarán a subsanar o “défice histórico” da Comunidade Autónoma, apostando firmemente pola competividade da economía galega, pola innovación, impulsando proxectos emprendedores en relación ao capital risco e incentivando a creación de emprego.

Así, Touriño confíou en que se poidan conquerir uns orzamentos para Galicia que permitan “avanzar seriamente na converxencia”, recortando diferencias co resto do Estado e, mesmo, crecer por riba da media estatal en relación ao peso poboacional que posúe a Comunidade Autónoma.

A visita de Zapatero a Galicia servirá, ademais, segundo indicou Pérez Touriño, para que éste se comprometa co desenvolvemento da Galicia interior, posto que se prevé que visite diferentes énclaves das provincias de Lugo e de Ourense.

MEDIDAS EXTRAORDINARIAS

Paralelamente, o presidente da Xunta sinalou que xa encargou ao conselleiro do Medio Rural a elaboración dun informe sobre o impacto dos incendios no territorio para que Galicia poida acollerse ás medidas especiais decretadas polo Goberno Central o pasado mes de xullo, tal e como anunciou onte logo da súa entrevista con José Luís Rodríguez Zapatero.

FINANCIAMENTO

Así mesmo, o presidente da Xunta indicou que o Goberno galego coñeceu os traballos preparatorios do Consello de Política Fiscal e Financeira, que se reunirá en Madrid neste mes de setembro. Este organismo, tal e como lembrou Pérez Touriño, encárgase de fixar o criterio sobre o financiamento sanitario das Comunidades Autónomas, asunto que será abordado posteriormente na Conferencia de Presidentes.

O presidente da Xunta indicou que o modelo de financiamento actual “é claramente insuficiente” e debido a este modelo existe un importante “défice sanitario”. En Galicia, tal e como indicou Pérez Touriño, o défice cifrado en xaneiro de 2003 ascendía a 320 millóns de euros. Por iso, é prioritario que a Comunidade Autónoma comece a traballar na revisión do modelo. “Traballaremos para maximizar a achega do Estado para subsanar o défice actual”, subliñou o presidente da Xunta.

PEAXE

Por último, Emilio Pérez Touriño sinalou que a proposta de acordo co Goberno Central para liberar a peaxe de Rande incluirá tamén propostas para buscar unha saída á peaxe da Barcala.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia