Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Reunión de Medio Rural cos axentes das Denominacións de Orixe Valdeorras e Ribeira Sacra

O director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido, apostou pola necesidade de mellorar a comercialización do viño da Denominación de Orixe de Valdeorras (Ourense) como medida para evitar os excedentes. “O exceso de producción non depende da administración. A uva está na viña e a Consellaría non é responsable da súa venda. O mercado é o que rexe a comercialización. Desde Medio Rural consideramos que existe demanda para este viño pero á vez cómpre mellorar as canles de comercialización, que é onde se pode fallar”, manifestou Xosé Carballido ao remate da reunión celebrada en Santiago cos axentes da Denominación de Orixe Valdeorras para abordar a campaña vitivinícola de 2005-2006.

A reunión, posterior á que onte mantiveron os representantes do Medio Rural cos axentes da Denominación de Orixe Rías Baixas, rematou de forma satisfactoria, ao igual que a celebrada cos produtores, representantes das adegas e membros do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, celebrada horas despois.

“Desde a Consellaría queremos manifestar que ambas as dúas xuntanzas estiveron marcadas pola cordialidade e a participación. O mero feito de sentarnos a falar é moi importante”, indicou o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias do departamento que dirixe o nacionalista Alfredo Suárez Canal.

Pola súa banda, os representantes dos tres sindicatos agrarios maioritarios en Galicia –Xosé Luís Fernández (Unións Agrarias), Francisco Bello (Xóvenes Agricultores) e Xosé Manuel Vilas (Sindicato Labrego Galego)- coincidiron na importancia de manter este tipo de encontros. “Son moitos anos sen foros de diálogo entre a administración e os colectivos adscritos ao sector vitivinícola”, subliñou Vilas.

Nesta idea afondou o responsable de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido, quen salientou que “o sector leva moito tempo sen sentarse para poñer en común asuntos que, ás veces, se solucionan simplemente falando”. “É certo –engadiu- que as partes implicadas teñen que dar un pasiño cara adiante para poñer en común os problemas aos que se enfronta este sector e chegar a acordos que permitan solucionalos. Para nós é unha satisfacción que os participantes falaran libremente e confíamos en fixar compromisos concretos. Reunirémonos as veces que faga falta e non imos tomar ningunha medida que este sector non crea que sexa axeitada. Pero, tamén é certo, que temos un obxectivo claro: impedir que o sector vaia a menos’.


Segundo a estimación elaborada polo Consello Regulador da DO Valdeorras esta vendima colleitaranse 8.500.000 quilos de produción, aproximadamente.


Ribeira Sacra

As conclusión da reunión mantida entre os representantes da Administración e os colectivos que traballan na produción de viño da D.O. Ribeira Sacra foron moi similares: satisfacción pola vía de diálogo aberta. O voceiro elixido polas adegas de maior dimensión desta D.O., Manuel Gómez Guntiñas, afirmou que as vendas da campaña 2004/2005 están ao nivel das acadadas en 2003.

“A situación actual de Ribeira Sacra é boa. Se o viño que sae ó mercado é un caldo xoven que ten como prezo case o triple que o do Bierzo por algo será”, destacou o representante das adegas”. Neste senso, o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca Fernández, expresou a súa satisfacción por atopar ‘unha denominación de orixe nova que afronta a vendima deste ano sen ningunha problemática especial”.

“A cantidade de viño excedente e razoable. Faltan para os tintos os meses de maior demanda e este ano preséntase unha colleita boa, con prezos semellantes. E sempre, coa máxima de manter a calidade do viño’, destacou Oca Fernández ao remate da reunión.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia