Suárez Canal insiste en que as medidas que se adopten desde o MAPA sobre a supertaxa láctea deben evitar o peche de explotacións

Suárez Canal lembrou que desde a toma de posesión do seu equipo producíronse “contactos directos e continuos co goberno estatal” para intentar buscar “vías de solución que se axusten ao marco legal”. Estas medidas en ningún caso poden pasar pola concesión de axudas ou subvencións por parte das administracións aos gandeiros xa que se trata de accións que poderían ser sancionadas por Bruxelas.
O conselleiro espera coñecer as propostas definitivas que vai presentar o MAPA na reunión que terá lugar o xoves día 8 na Delegación do Goberno da Coruña. “O Ministerio é quen xestiona a cota, a través do FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria) e, polo tanto, é quen ten que tomar unha decisión sobre o tema da supertaxa”, lembrou Suárez Canal, quen ao mesmo tempo aproveitou para sinalar que o seu departamento seguirá loitando porque se destine máis cota ás explotacións galegas.
Segundo datos da Consellería do Medio Rural, “entre o 80 e o 90% das operacións de compra de cota realizadas entre particulares no mercado libre aberto polo Ministerio desde o 1 ata o 8 de abril corresponden a explotacións galegas”. Para a Consellaría esta situación pon de manifesto unha vez máis que as granxas do noso país precisan maior cantidade de cota e que, debido á baixada dos prezos do leite, se viron abocadas a producir sobrepasando os límites. As aspiracións do departamento que dirixe Alfredo Suárez Canal situánse en chegar ata as 235.000 toneladas de cota, cifra que, en palabras do propio conselleiro, “permitirá resolver os problemas económicos das explotacións galegas nun horizonte estabel e de futuro”. Medio Rural espera que esta ampliación se faga efectiva na futura reasignación de cota que fará o Ministerio, a través do FEGA, en aplicación do Plan de reestruturación do sector lácteo aprobado recentemente polo Goberno estatal.
Gabinete de Comunicación da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia