Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Fernando Blanco anuncia a creación en Ferrol dunha axencia de desenvolvemento industrial

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, anunciou a creación, nun prazo de seis meses, dunha Axencia de Desenvolvemento Industrial en Ferrol. Blanco fixo este anuncio no marco da visita que realizou hoxe ás instalacións de Navantia en Ferrol, onde estivo acompañado do presidente da compañía, José Pedro Gómez Jaén.

O titular de Innovación e Industria expresou o seu desexo de que a primeira visita a sectores industriais importantes do País fose en Ferrol, dados os sucesivos procesos de reconversión sufridos na cidade en no conxunto da comarca. “Queremos levar compromisos adiante –engadiu– e a futura Axencia é un deles”.

Segundo explicou o conselleiro, a Axencia cumprirá o cometido de elaborar unha estratexia global en política industrial que terá en conta as diferentes problemáticas de cada comarca e “na que –dixo– rememos todos na mesma dirección”. Blanco engadiu tamén que se aproveitarán os centros que xa están implantados para planificar o desenvolvemento industrial de Galicia no seu conxunto e obviamente e polo tanto tamén de Ferrol.

O conselleiro tamén avanzou que ten solicitada unha entrevista co ministro de Industria, Comercio y Turismo, José Montilla, para abordar temas específicos de Navantia que afectan a Fene e Ferrol nos sectores da reparación e da construcción naval, segundo afirmou, “para poder avanzar cara a algo que xa aprobou o Parlamento galego por unanimidade e que é a creación dun complexo naval integrado”.

IMPACTO DA OPA DE GAS NATURAL SOBRE ENDESA


Preguntado pola OPA de Gas Natural sobre Endesa, Fernando Blanco reiterou a súa preocupación polo impacto que tería a citada operación en Galicia e de como vai quedar o sector enerxético do País. O titular de Innovación e Industria asegurou que a situación é complexa e que podería condicionar proxectos esenciais para Galicia.

Para o conselleiro, o crecemento de Ferrol pode vir dado por tres vías fundamentais: un complexo naval integrado, a plataforma gasística e a diversificación industrial. “A OPA pode condicionar este crecemento, por iso estamos preocupados”, subliñou. Sobre esta cuestión, Blanco avanzou tamén que nas vindeiras semanas vaise reunir con representantes do sector enerxético para analizar o impacto sobre Galicia desta operación.

Non obstante, afirmou que “sexa cal sexa o resultado da OPA, o Goberno galego traballará para que non sexa unha ameaza para os proxectos que hai en Galicia” e nesta liña apuntou que o que ten que estar totalmente garantida é a viabilidade dos ciclos combinados postos en marcha e a planta gasística de Ferrol. “Porque o noso obxectivo será o de deseñar políticas que permitan o crecemento industrial”, concluíu.

ENCONTRO COA CEG E A FEDERACIÓN CEL


Por outra banda, Fernando Blanco reuniuse cos presidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, e a Fundación CEL, Guillermo Sánchez Vilariño, para abordar proxectos relacionados co ámbito de responsabilidade de ámbolos dous organismos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia