Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Quintana afirma que a Xunta ten as portas abertas a tódolos alcaldes por ser os representantes directos dos cidadáns

O vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Anxo Quintana mantivo un encontro co alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, que ambos dirixentes, cualificaron de “satisfactorio” e “fructífero”.

Segundo Anxo Quintana, o reto da Vicepresidencia e do Goberno para esta lexislatura, é que o organismo autonómico sexa a “casa de todos” e que os alcaldes de toda Galicia teñan sempre “as portas abertas”.


O alcalde coruñés manifestoulle ó vicepresidente a súa colaboración institucional e pediulle que se dedique máis orzamento para gastos sociais no seu concello, nos orzamentos do Goberno.

Neste sentido, Francisco Vázquez declarou que o concello da Coruña ten un déficit de un millón cincocentos mil euros anuais en gastos sociais. Esta situación débese, segundo dixo, á situación de marxinación que a cidade sufriu nos últimos dezaseis anos. O alcalde criticou o feito de non ser recibido por un responsable de Benestar en todo este tempo e felicitouse por ser a primeira vez que o recibe un responsable nesta materia.

De feito, sinalou que, esta maña, non só foi recibido polo vicepresidente, se non tamén por un ex alcalde galego, que, dende a súa opinión, foi “un dos mellores”.

O vicepresidente, Anxo Quintana, recordou que é necesario que haxa unha estreita colaboración coa administración local para poder poñer en marcha un “ ambicioso plan en materia social”.

No transcurso deste encontro, ambos mandatarios falaron da situación do país e cualificaron de “ilusionante” a nova etapa política que se abre co novo Goberno de coalición. Segundo o Vicepresidente, “ co esforzo de todos, podemos conseguir que Galicia teña o peso que lle corresponde dentro do Estado español”.

Antes de despedirse, Anxo Quintana recibiu a invitación oficial do alcalde para visitar a cidade da Coruña e empezar a traballar nos orzamentos para o próximo ano.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia