Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Medio Ambiente presentará en 15 días medidas urxentes para resolver os problemas máis graves de abastecemento de auga provocados pola sequía

A Consellería de Medio Ambiente, a través do organismo autónomo Augas de Galicia, adscrito a este departamento, presentará no prazo de 15 días unha serie de medidas urxentes destinadas a resolver os problemas estruturais máis graves de abastecemento de auga que sofren numerosas localidades galegas por mor da seca. O conselleiro, Manuel Vázquez, fixo este anuncio durante o acto da toma de posesión do novo director de Augas de Galicia, José Luis Romero Valeiras, que se celebrou na sede de Medio Ambiente en Santiago.

Manuel Vázquez recordou a súa firme intención de dar prioridade durante o seu mandato a resolución dos múltiples problemas de auga que se padecen Galicia, tanto en materia de abastecemento como de saneamento. “Iniciamos unha nova era, xunto co novo director xeral, para afrontar os problemas estruturais da auga en Galicia”, afirmou o conselleiro. Subliñou que resulta “cando menos sorprendente que no país da auga, grandes localidades costeiras, como son as da Mariña lucense, onde sempre chove, non teñan unha rede normal de abastecemento de auga”.


O titular da Consellería de Medio Ambiente fixo fincapé tamén na necesidade urxente de afrontar tamén os graves problemas de saneamento das rías. Anunciou que o seu departamento, en colaboración con Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica del Norte, elaborará con carácter urxente un informe sobre a situación do saneamento de augas nos grandes núcleos de poboación de Galicia con fin de contar “cun diagnóstico real e, temo, que tamén crudo de cómo están as cousas”, salientou Manuel Vázquez. O conselleiro presentará ese estudo ante o Parlamento de Galicia.

Director xeral de Augas de Galicia

José Luis Romero Valeiras, nomeado o pasado 1 de setembro polo Consello da Xunta director xeral de Augas de Galicia, tomou posesión do cargo en presenza do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e do secretario xeral da Consellería, Jorge Antonio Santiso, quen tamén preside ese organismo autónomo.

O novo responsable de Augas de Galicia, natural de O Carballiño (Ourense), é enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos. Desde 1989 ata agora traballaba na construtora Necso, sendo desde o ano 1992 xefe de Departamento de Obras. Neste cargo foi responsable da xestión técnica e económica. Conta cunha larga relación de obras hidráulicas, de estradas e de edificacións realizadas en Galicia baixo a súa responsabilidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia