Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Educación suspende cautelarmente a autorización para a desafectación do CEIP Mestre Rivera Casás de Cervo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de suspender cautelarmente a execución da resolución do director xeral de Centros e Ordenación Educativa do anterior Goberno galego, pola que se acordaba a autorización para a desafectación do CEIP Mestre Rivera Casás de Cervo. Esto supón que o Centro abre as portas con normalidade o luns, 12 de setembro.

A Consellería de Educación é consciente do interese amosado pola comunidade educativa de continuar a súa escolarización no CEIP Mestre Rivera Casás. Precisamente, en defensa destes intereses, interpuxéronse os correspondentes recursos de alzada contra dita resolución da ex Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa. Resulta patente que a execución do acto impugnado posibilitaría ao Concello de Cervo a realizar actuacións que baleirarían de contido os recursos impostos, posto que posteriormente non sería posible a restitutio in integrum, polo que se procede á suspensión da súa eficacia.

A Administración educativa acordou esta medida dado que se podería dar o caso de que houbese familias que poderían ter a dous fillos matriculados en distintos centros educativos. A medida adoptada cautelarmente tenta evitar prexuízos de difícil ou imposible valoración económica, e que poden centrarse en desprazamentos forzosos do alumnado a un centro educativo alonxado dos seus domicilios, dando lugar así a alteracións graves da organización familiar.Isto, engadido á aparencia de bo dereito dos recursos interpostos, a posible nulidade de pleno dereito do acto impugnado, ao faltar no expediente informes preceptivos, e á inexistencia dunha razón contundente que xustifique a necesidade dunha execución inmediata de resolución impugnada, fan aconsellable a suspensión.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición, ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes despois da súa notificación ou poderá impugnala directamente, a súa elección, o xulgado do contencioso-administrativo da circunscrición na que teña o seu enderezo ou de Santiago de Compostela no prazo de dous meses tamén desde a súa notificación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia