Medio Ambiente financiará con 60.000 euros a finalización da rede de auga de Vilardevós

O rexedor desta localidade ourensá solicitou ao responsable de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a súa colaboración para realizar diversas obras de abastecemento de auga en varios núcleos de poboación especialmente danados pola seca deste verán. José Luis Pérez explicou que se necesita construír unha estación de bombeo de auga, un novo depósito e renovar a rede de abastecemento da zona vella de Berande, entre outras actuacións. O alcalde de Vilardevós comprometeuse a remitir á Consellería unha memoria de tódalas obras necesarias para rematar cos problemas de abastecemento de auga e posibilitar así a súa inclusión nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia