Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Suárez Canal xestiona co Goberno central que Galicia reciba apoio económico para paliar o impacto dos incendios

O Goberno estatal levará ao Consello de Ministros a petición que lle trasladou o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, á ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, de incluír a Galicia nun Real Decreto de axudas destinado a paliar os danos ocasionados polos incendios que afectaron este verán ao noso país. O conselleiro nacionalista entregoulle á ministra un informe sobre o número de lumes rexistrados en Galicia durante os meses de xullo e agosto, a superficie queimada, os medios empregados na súa extinción, o tempo medio de reacción dos efectivos antiincendios e outros datos de interese para negociar a posta en marcha dun decreto de compensacións económicas similar ao artellado tras o incendio de Guadalaxara.

Froito destas xestións, a ministra Cristina Narbona comprometeuse a levar ao próximo Consello de Ministros dito informe para aplicar estas medidas económicas á nosa comunidade. Tal e como adiantou o departamento que dirixe Suárez Canal, esta liña de axudas beneficiará fundamentalmente a aquelas zonas nas que o lume arrasou máis de 500 hectáreas ou nas que se decretou o Nivel 1 de alerta, cando se considera que pon en risco a vida de persoas alleas aos equipos de extinción ou bens diferentes aos de natureza forestal. Se se cumpren os prazos anunciados pola responsábel estatal de Medio Ambiente, Galicia podería contar con estas compensacións nun período de dúas ou tres semanas.

Próximos orzamentos

No encontro o conselleiro solicitoulle tamén á ministra unha partida específica dentro dos Orzamentos Xerais do Estado para os vindeiros exercicios destinada a por en marcha auténticas políticas preventivas e de valorización do monte na nosa comunidade. “Tendo en conta as características excepcionais que marcaron a campaña deste ano e os esforzos financeiros que veu facendo a administración galega para afrontar os gastos de loita contra o lume, a aportación do goberno central debería chegar, por todos os conceptos, ao 20% do orzamento total que destina a Consellaría a este capítulo nun só ano”, explicou Suárez Canal.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia