Quintana quere que os armadores e o Goberno galego teñan representación directa na próxima reunión da NAFO

Nesta reunión, decidirase o futuro dos 31 barcos galegos que pescan fletán negro nesas augas e, os armadores, queren que se teña en conta o peso social e económico que ten este sector na economía galega.
De pecharse esa pesqueiría, perderíanse en Galicia, mil douscentos postos de traballo directos e seis mil indirectos e a economía galega deixaría de ingresar trescentos dez millóns de euros, segundo os datos dun estudo da Universidade de Vigo, que son os que manexan os armadores.
O Vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Anxo Quintana, manifestou a necesidade de que a administración galega e os armadores “ camiñen da man” porque hai que convencer á UE de que o sector do mar é fundamental para a economía galega.
Quintana e os representantes do sector falaron tamén da necesidade de poñer en marcha novas campañas de investigación en toda a área de influencia do fletán para coñecer mellor os recursos pesqueiros. Falaron tamén de consensuar un plan de pesca para o vindeiro ano.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia