Emilio Pérez Touriño subliña o compromiso da Xunta coa cidade de Santiago, na súa condición de capital de Galicia

Unha vez finalizada a reunión, o presidente da Xunta manifestou o compromiso do Goberno que preside coa cidade de Santiago “na súa función de capital da Comunidade Autónoma”. A Xunta de Galicia atenderá -tal e como indicou Pérez Touriño- as demandas da cidade de Santiago en materia de comunicacións, fomento ou vivenda, entre outros aspectos.
A propósito dos fondos que recibe Santiago como capital de Galicia por parte do Goberno autonómico, o titular da Xunta asegurou que se estudará un maior esforzo neste sentido. “A vontade política é a de mellorar a cifra e a axuda por parte da Xunta de Galicia”, asegurou Pérez Touriño.
Prioridades
Pola súa banda, o alcalde de Santiago expresou ao presidente da Xunta o seu agradecemento por telo recibido tan pronto. Bugallo amosouse especialmente satisfeito pola receptividade de Pérez Touriño de cara aos principais asuntos que afectan á cidade. “Produciume unha enorme satisfacción atopar a un presidente da Xunta coñecedor dos problemas de Santiago, ilusionado e disposto a apoiar á cidade”, recalcou Bugallo.
O rexedor municipal indicou os asuntos concretos que abordou co presidente da Xunta. Ademais de asegurar os compromisos de financiamento previstos no Estatuto de Capitalidade, tamén abordou a continuidade do proxecto da cidade da Cultura, o apoio económico da Xunta ao Consorcio de Santiago, a promoción da mellora da calidade urbana da cidade mediante un convenio que garante mellores accesos e travesías na capital, a ampliación do recinto feiral de Amio e o pulo ao saneamento integral da zona rural de Compostela. En todos estes asuntos, segundo recalcou o alcalde, “houbo unha absoluta simpatía e un pleno apoio por parte do presidente da Xunta”.
Dentro deste espírito de cooperación entre a Xunta e os concellos, enmárcase o compromiso exposto polo presidente da Xunta, logo de recibir a Bugallo, de “potenciar a rede de cidades de Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia