Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Traballo lamenta o rexeitamento por parte da Mancomunidade da Limia da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais no conflicto da folga do lixo

Finalmente o Consello Galego de Relacións Laborais non poderá mediar no conflicto da folga de lixo iniciada o pasado día 12 de agosto na Mancomunidade da Limia.


O Consello recibía a resposta do presidente da Mancomunidade, José Juan Puga Quintas, á solicitude de mediación solicitada pola CIG o pasado xoves. Nesa resposta o presidente da Mancomunidade rexeita a mediación alegando a súa “desconformidade xa que o secretario xeral de relacións institucionais da CIG de Ourense ten desacreditado ó presidente da Mancomunidade pedindo a súa dimisión e dicindo que lle negaba a representatividade en calquera tipo de negociación”. Así mesmo, o presidente da Mancomunidade agradece nese escrito o interese mostrado polo Consello Galego de Relacións Laborais na mediación da negociación.

A Consellería de Traballo lamenta que non se teña producido un achegamento de posturas para tentar poñer fin á folga de lixo, xa que, o Acordo Sobre Solución Extraxudicial de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA), é un mecanismo de mediación voluntaria e non vinculante polo que é imprescindible a aceptación das dúas partes implicadas para que esa mediación poida levarse a cabo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia