Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emilio Pérez Touriño sitúa a Lugo como referente dunha Galicia interior á que a Xunta outorgará todo o seu apoio

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cualificou a cidade de Lugo como “referente” dunha Galicia interior á que o Goberno autonómico vai outorgar todo o seu apoio. O mandatario autonómico realizou esta afirmación logo dunha reunión oficial en San Caetano co alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco. Para Pérez Touriño, “é obxectivo prioritario do Goberno” que a Galicia interior non siga sufrindo retroceso.

Neste sentido, o titular da Xunta sinalou que a Comunidade Autónoma non pode permitir o declive demográfico e a desertización dos núcleos interiores. Por iso, apostou por Lugo como “cabeceira estratéxica de futuro” e garantiu o apoio do seu Goberno aos proxectos que se emprenderán desde o ámbito municipal para acadar esta meta.

En particular, Pérez Touriño eloxiou o compromiso coa defensa do medio ambiente promovido por Orozco en Lugo, o fomento do emprego no municipio, a aposta pola innovación e a universidade e o pulo ás infraestruturas. Todos estes aspectos están recollidos nun Plano Estratéxico desenvolvido polo Concello que terá –segundo salientou o titular do Goberno autonómico- “o compromiso inversor da Xunta de Galicia”.

Estación intermodal

O presidente da Xunta expresou publicamente o apoio do Goberno autonómico en relación ao proxecto de construción dunha grande praza na Cidade da Muralla. Nesta praza ubicarase unha estación intermodal que integrará a terminal de autobuses e a de ferrocarril. Trátase de reubicar a actual estación de autobuses e integrala nun amplo espazo público no que tamén se sitúe unha nova estación de ferrocarril, en función da chegada do tren de alta velocidade á cidade.

Este proxecto será clave para a modernización da cidade, tal e como recoñeceu Orozco logo da xuntanza con Touriño. O rexedor municipal amosouse satisfeito por ser recibido e escoitado polo titular da Xunta. Neste sentido, indicou que as audiencias que o presidente da Xunta está a manter con distintos titulares municipais estes días amosan que “os alcaldes contamos neste novo goberno”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia