Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, propón impulsar un pacto entre a Administración local e a autonómica para facilitar que se libere solo tanto para uso produtivo como residencial

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, anunciou que o seu departamento aposta por impulsar un pacto entra a Administración local e a Administración autonómica para facilitar a liberalización de solo, tanto produtivo como residencial, ao entender que se trata dun factor esencial para a construcción de vivenda protexida e para incrementar o tecido empresarial.

Táboas recalcou que hai que axilizar os actuais procedementos de planeamento urbanístico, como os pxoums e outras figuras, cuxa elaboración se prolonga durante anos, “porque esa lentitude acaba provocando un incremento adicional no prezo final da vivenda, cando falamos de solo para uso residencial, e mesmo favorece a fuga de iniciativas empresariais para ubicacións fora de Galicia, cando esa tardanza afecta a creación de solo produtivo”. De aí, alegou, a necesidade de “impulsar” un pacto cos concellos que permita avanzar na axilización dos trámites para facilitar solo con ambas finalidades.

A conselleira fixo estas declaracións durante a presentación do delegado provincial de Pontevedra, Eudosio Álvarez, acto que aproveitou para subliñar que a “transparencia” será un dos principios de actuación deste departamento, en particular cando se trate de procesos de adxudicación de vivendas protexidas, comprometéndose tamén a unha política caracterizada pola “eficacia” e a “colaboración” coas outras administracións e cos administrados.

Táboas recalcou que a Axencia Galega de Acceso á Primeira Vivenda vai estar en funcionamento antes de fin de ano, e contará con oficinas nas sete grandes cidades desde as que se xestionarán toda a información e as axudas previstas para favorecer o acceso á primeira vivenda tanto en compra como en réxime de aluguer.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia