Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Medio Ambiente confirma que a construcción da Edar de Porto do Son comezará ó principio do vindeiro ano

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, examinou co alcalde de Porto do Son, Ramón Quintáns Vila, o estado de execución do proxecto de saneamento integral deste municipio coruñés, que inclúe a dotación de colectores xerais e a construcción dunha estación depuradora de augas residuais (Edar). O proxecto xa foi adxudicada a unha unión temporal de empresas e nestes momentos estase a elaborar o proxecto constructivo coa perspectiva de comezar as obras a principios de 2006. Esta rede primaria de saneamento así como a futura estación depuradora darán servicio aos dous núcleos urbanos deste municipio, como son Porto do Son e Portosin, así como ás parroquias de Miñortos, Coiáns, Nedra e Noal.

Durante a reunión co alcalde que tivo lugar na sede da Consellería en Santiago, o titular de Medio Ambiente comprometeuse co alcalde de Porto do Son a retomar o proxecto de ampliación da rede de abastecemento de auga co fin de paliar a actual carencia que padece o núcleo de Portosin, sobre todo durante os meses de verán dado o importante crecemento da demanda. Ramón Quintáns destacou que este proxecto está paralizado desde o ano 2000 e volverá a remitilo á Consellería nun breve prazo. Manuel Vázquez asegurou que será tomado en conta para a súa inclusión nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia