Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Pesca e a Federación Galega de Confrarías colaborarán para levar a cabo un plan de recuperación do polbo

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o presidente da Federación Galega de Confrarías, Evaristo Lareo, acordaron emprender liñas de colaboración directas para afrontar todos os problemas que actualmente afectan ao sector pesqueiro, entre os que se atopa a elaboración dun plan de recuperación para o polbo. Así o comunicaron ambos na rolda de prensa ofrecida con motivo da xuntanza mantida entre a titular de Pesca da Xunta e os representantes da Federación Galega de Confrarías e das federacións provinciais de Lugo, Pontevedra e A Coruña.


No transcurso da reunión, Carmen Gallego manifestou a disponibilidade do seu departamento para traballar conxuntamente co sector e levar a cabo os plans necesarios de avaliación, ordenación e recuperación do caladoiro galego. A conselleira recoñeceu a urxencia da posta en marcha dun plan específico para o polbo e comprometeuse a dialogar coas confrarías para afrontar o descenso de capturas que actualmente viven as rías galegas. Neste sentido, indicou que se discutirán as propostas do sector e da Administración no Consello Galego de Pesca, onde se espera acadar un acordo para a recuperación desta pesqueiría. Así mesmo, ambas partes acordaron consensuar a data máis conveniente para efectuar esta parada. A conselleira tamén avanzou que a medida se podería aplicar de xeito diferente ao longo do litoral, xa que se terá en conta o comportamento da especie en cada zona.

Por outra banda, na xuntanza Carmen Gallego trasladoulle á Federación a proposta de modificación da norma electoral das confrarías, que inclúe unha modificación no periodo de eleccións consistente en acortar o tempo dos procesos de cambio de directiva.

A Consellería traballará co sector e a Administración central para paliar a situación provocada polo alto prezo dos carburantes

Finalmente, Gallego Calvar manifestou a súa preocupación pola situación actual da frota galega ante o incremento do custo dos carburantes. Neste sentido, e en relación ás últimas declaracións do Comisario de Pesca da UE, Joe Borg, a conselleira decantouse a favor de medidas de carácter estructural, tales como a búsqueda de enerxías alternativas ou un cambio na comercialización dos produtos. Neste senso, pediu a Unión Europea unha decisión urxente para paliar o dificil momento polo que está a atravesar o sector, xa sexa a través dun incremento de mínimis ou doutras medidas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia