Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O programa Cinema de Noite pechou a súa primeira fase cun balance de 120 concellos visitados e máis de 25.000 espectadores

“Cinema de noite”, o programa de proxección ao aire libre de producións audiovisuais galegas promovido pola Secretaría Xeral de Comunicación a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, puxo fin á tempada estival logo de visitar 120 concellos e superar os 25.000 asistentes.

O obxectivo desta iniciativa, realizada pola produtora coruñesa Ignacio Benedeti Cinema, S.L., era achegar o cinema galego ás localidades que carecen de salas de exhibición comercial en formato cine e axudar á promoción e difusión do mesmo. Tódalas películas proxectadas foron rodadas en Galicia e estiveron precedidas de longametraxes tamén galegas. “Pinocho 3.000K” e “Mar Adentro” protagonizaron os pases de mellor acollida entre o público, mentres que “Minotauromaquia” foi a curtametraxe de maior éxito.

A conxunción do lúdico co educativo foi unha das máximas desta actividade. Por iso, ao comezo de cada pase se entregou a cada asistente un libriño cos trazos básicos dos fundamentos técnicos do cine. Asemade, editáronse 36.000 opúsculos que recollen unha iniciación ao mundo dos debuxos animados e afondan na situación do audiovisual galego, facendo fincapé no crecemento experimentado nos últimos anos e na súa proxección internacional.

Inicio da segunda fase

A segunda fase do programa da comezo o dous de outubro en Oleiros coa exhibición do último éxito da animación galega, “O soño dunha noite de San Xoán”. A proxección irá precedida dunha charla na que se dará un repaso pola evolución do cinema dende a lanterna máxica deica a actualidade e se dará aos asistentes a oportunidade de contemplar os diversos aparellos empregados ao longo da historia para a proxección de películas.

Por tratarse da tempada invernal, todas as proxeccións terán lugar en recintos pechados e cubertos. Serán sesenta pases nos que ademais se buscan sinerxias cos centros educativos. Asemade, sortearase material audiovisual entre os espectadores que resposten correctamente a unha serie de cuestións plantexadas ao abeiro do audiovisual galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia