Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel Vázquez reitera que haberá tolerancia ambiental cero na elección dun novo lugar para acoller unha empresa de pasta de papel

O conselleiro de Medio Ambiente de Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, reiterou que vai a ter “tolerancia ambiental cero” na elección dun novo lugar para albergar unha empresa que se dedica a fabricación de pasta de papel. Ante as sucesivas ofertas de alcaldes para acoller o complexo de Ence que agora está na ría de Pontevedra, Manuel Vázquez, en declaracións aos medios de comunicación, reclamou “sensatez e mesura e que todos conxuguen todos os problemas que poden plantexarse” na elección dun sitio alternativo. O conselleiro pediu expresamente aos rexedores que teñan en conta que non só chega con ter vontade política e un espazo para acoller unha empresa desas características, senón que tamén hai que estudiar todas as condicións ambientais, fluviais, hidráulicas e tamén empresariais que implica un proxecto como este. “Que ninguén pense que este é un problema que se resolve con un alcalde que diga que quere esa empresa. Será a propia empresa a que ten que decidir o que lle interesa e cando faga a súa proposta, esta consellería determinará se é viable desde o punto de vista ambiental”, destacou o titular de Medio Ambiente.

Manuel Vázquez salientou a súa especial preocupación ante o ofrecemento do alcalde de As Pontes de acoller no seu municipio o complexo de Ence polo impacto que podería ter sobre o río Eume que nutre un dos espazos naturais máis importantes de Galicia, como son as Fragas do Eume. “É un parque natural deste país e ninguén pode dispoñer dos recursos naturais de Galicia como se fose del”, comentou o conselleiro. Ademais subliñou que As Pontes xa sofre nestes momentos “moitos problemas de contaminación” por outras actividades empresariais.

O responsable de Medio Ambiente da Xunta de Galicia asegurou que a súa preocupación neste caso no supón un rexeitamento á oferta do alcalde dese municipio coruñés, aínda que destacou a necesidade de examinar primeiro “o nivel de saturación ambiental que ten a zona en termos climáticos, atmosféricos, medioambientais e de augas”. “Non digo que sexa moita ou pouca, pero tampouco podemos concentrar todas as empresas que son problemáticas desde o punto de vista ambiental nun mesmo lugar”, engadiu Manuel Vázquez.

O conselleiro de Medio Ambiente manifestou o seu convencemento de que Ence ou calquera empresa que pretenda instalar unha fábrica de pasta de papel será “particularmente exquisita na elección dun lugar por tratarse dunha actividade contaminante e porque ninguén quere repetir dúas veces este mesmo problema”.

Cumprir coa decisión tomada pola Xunta de Galicia de que o complexo de Ence sexa trasladado da ría de Pontevedra a partir do ano 2018 non vai a ser un proceso “doado, nin tampouco unilateral”, manifestou Manuel Vázquez ao recordar que todas as consellerías implicadas traballarán xunto coa empresa na resolución deste problema. O conselleiro de Medio Ambiente está a buscar co conselleiro delegado de Ence unha data para celebrar unha reunión co fin de abordar este asunto.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia