Emilio Pérez Touriño gaba a figura de Lorenzo Varela, sempre comprometido cos desfavorecidos, coa conquista da cultura galega e coa fidelidade a Galicia

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño lembrou que, ao longo deste ano 2005, e grazas á iniciativa da Real Academia Galega, “asistimos ao proceso de reparación dunha das voces máis representativas da Galicia transterrada”. Nesta liña, o titular do Goberno galego agradeceu o esforzo de todos aqueles intelectuais, académicos, profesores e estudosos da vida e obra de Lorenzo Varela que lograron “afastar a lousa de silencio que esmagaba a palabra, ás veces combativa, ás veces tenra coma o colo da nai,” deste poeta galego.
Emilio Pérez Touriño salientou, especialmente, o labor de recuperación realizado polos veciños de Monterroso, a quen lle transmitiu os seus parabéns polo traballo feito, “por devolvernos parte da nosa cultura e da nosa historia e por permitirnos recuperar a memoria”.
Merecida homenaxe
Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén realizou un percorrido pola vida e obra deste literato lugués, salientando as súas principais achegas á cultura galega. Emilio Pérez Touriño lembrou, en especial, o papel dinamizador de Lorenzo Varela na cultura e literatura galegas, un labor que continuou desde o outro lado do Atlántico, cando “na Galicia desta beira do océano sopraban os ventos mouros da ditadura”.
Por último, o titular do goberno autonómico reiterou que Lorenzo Varela, “o home e o escritor”, merecían este recoñecemento, remarcando que “os beneficiarios desa recuperación somos todos os galegos”. En primeiro lugar, porque honrar a aquelas xentes que por motivos políticos ou económicos tiveron que emigrar “é tanto como honrarnos a nós mesmos” e, en segundo lugar, porque recuperar a súa obra, superando a “amnesia colectiva de moitos anos” supón facerse cunha parte “non cativa do noso patrimonio como galegos”. “Xa que logo –concluíu Emilio Pérez Touriño- hoxe estamos de noraboa”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia